Lexisla con Nós

Proposición de Lei de reforma da Lei 9/2011, do 9 de novembro de 2011, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia

22/10/2018 9:06
Proposición de Lei de reforma da Lei 9/2011, do 9 de novembro de 2011, dos medios  públicos de comunicación audiovisual de Galicia. (10/PPL-000030)

Documentos relacionados:

Opinións

1 - Escrito por Laura González Pérez o 29/11/2018 12:14

Para comezar coa análise da técnica normativa da Proposición de lei de modificación da Lei 09/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, é necesario comprobar que esta cumpre os requisitos de seguridade xurídica que desta se espera. Estas condicións atópanse no Acordo de 30 de outubro de 2014 do Consello da Xunta de Galicia polo que se aproban as Directrices da técnica normativa. As directrices da técnica normativa teñen como finalidade primordial alcanzar un maior grado de achegamento ao principio constitucional de seguridade xurídica mediante a mellora da calidade técnica e lingüística das normas de orixe gubernamental. Nesta liña o Tribunal Constitucional na súa sentenza 150/1990 de 4 de outubro afirma a relación inequívoca entre a seguridade xurídica e a técnica normativa. Estas aplicaranse na elaboración de anteproxectos de lei, proxectos de decreto lexislativo e proxectos de disposicións de carácter xeral. A estrutura dos anteproxectos de lei, e os proxectos de decreto lexislativo e de disposicións administrativas de carácter xeral consta das seguintes partes: exposición das razóns polas que se solicita a tramitación desta proposición de lei, título da disposición, parte expositiva e parte dispositiva, na cal se inclúen o articulado, a parte final e, de ser o caso, os anexos. Admítese a trámite a proposición de lei, xa que vén presentada nas condicións previstas no artigo 122 do Regulamento de Cámara. Dispoñerase o seu traslado á Xunta de Galicia para que se emita informe recollido no Decreto Lexislativo 2/2015 polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e para que manifeste a conformidade respecto ó artigo 123.2 do Regulamento. O título da disposición é o seguinte: “Proposición de lei de reforma da Lei 9/2011, do 9 de novembro de 2011, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza”. O título iniciase coa identificación do tipo de disposición polo que favorece a súa identidade, interpretación e cita. Tras a identificación sitúase o nome, este contén o obxecto principal da disposición, o contido esencial e fundamental que permite a súa diferenciación respecto doutras normativas. Non se usan siglas e abreviaturas, o cal é recomendable evitar dentro do posible, e a cláusula “de reforma da Lei” pon de manifesto o seu carácter modificador. En ningún caso deberán aparecer no título os artigos ou as partes da disposición que resultan modificados. Respecto da parte expositiva, no resto de disposicións que non son anteproxectos de lei non debe titularse. Se se acude o texto obxecto de estudo pódese ver que isto último non se cumpre. A función da parte expositiva é a de describir o contido da disposición, obxecto e finalidade, antecedentes, etc. Polo tanto, o máis correcto é colocar os antecedentes nesta parte, e non na parte final da norma. A unidade de división das normas modificadoras será normalmente o artigo. Neste caso existe unha modificación que afecta a varios preceptos dunha soa norma, polo que a Proposición de lei debe conter un artigo único , como é o caso. Este artigo único divídese en partes, unha por artigo, nas cales se inclúe a referencia ao precepto que se modifica, sen facer mención o título da norma que xa ven recollido no parágrafo introdutorio. Ditas partes veñen numeradas en cardinais escritos en letra. Cinco son as partes que conforman o articulado desta disposición. Para rematar a análise, consta dunha parte final formada pola modificación da disposición transitoria cuarta, e a disposición derradeira primeira. As disposicións transitorias teñen como obxectivo facilitar o camiño ao réxime xurídico previsto pola nova regulación, e as disposicións derradeiras incluirán os preceptos que modifiquen o dereito vixente (cando a modificación non sexa obxecto principal da disposición), cláusulas de salvagarda, regras de supletoriedade, dereito comunitario, autorizacións e mandatos dirixidos á produción de normas xurídicas e por último, as regras sobre a entrada en vigor da norma e finalización da súa vixencia. Pódese dicir tamén a modo de conclusión que a Proposición de lei está redactada nunha linguaxe culta, pero accesible para a cidadanía. A redacción é clara, sinxela e precisa, de xeito que non da lugar a dúbidas. Aínda utilizando termos técnicos, o repertorio léxico é común e nunca vulgar, e garda unha coherencia terminolóxica.