saltar ao contido

Participación cidadá no Parlamento de Galicia

Video en lingua de signos de Participación cidadá

A Lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia amplía os mecanismos de participación cidadá directa no Parlamento de Galicia, facilitando que os galegos e galegas se impliquen activamente na actividade parlamentaria.

Para tal afecto, a participación cidadá no Parlamento de Galicia articulase a través das seguintes vías:

  • Proposicións de lei de iniciativa lexislativa popular .

    Galicia é unha das comunidades en que máis doado resulta que os cidadáns poidan exercer a iniciativa lexislativa popular. Para presentar unha proposición de lei de iniciativa lexislativa popular ante o Parlamento de Galicia, abonda con que esta vaia acompañada de polo menos 10.000 sinaturas. As persoas asinantes deberán ser maiores de idade, gozar da condición política de galegos ou galegas e estar inscritas no censo electoral. Os membros da comisión promotora teñen dereito a recibir asesoramento dos servizos xurídicos do Parlamento de Galicia para facilitarlles o cumprimento dos requisitos legais.

    Quedan excluídas da iniciativa lexislativa popular as seguintes materias: as que non son competencia da Comunidade Autónoma; as de desenvolvemento básico do Estatuto de Autonomía e as que, en todo caso, requiran para a súa aprobación o voto favorable dunha maioría cualificada; e as de natureza presupostaria e tributaria.

    Se vostede quere propor unha proposición de lei de iniciativa popular, pode facelo a través da sede electrónica mediante o seguinte procedemento.

  • Participación popular na elaboración das leis (Lexisla con Nós). As persoas maiores de idade e coa condición política de galegos poderán participar na tramitación parlamentaria das leis, remitindo as súas achegas e suxestións á Mesa do Parlamento de Galicia.

    Se quere enviar a súa achega, pode facelo a través da sede electrónica mediante o seguinte procedemento.

    Se quere deixar unha opinión acerca dun proxecto de lei, pode facelo a traves da sección de "Lexisla con nós".

  • Participación popular no impulso da acción de goberno a través de proposicións non de lei .

    Calquera cidadán ou cidadá coa súa sinatura e a doutros nove, ou calquera persoa xurídica que represente intereses sociais e actúe lexitimamente a través dos seus órganos, poderá promover a presentación de proposicións non de lei ao Parlamento de Galicia.

    O número requirido de sinaturas de persoas lexitimadas para subscribir unha proposición non de lei de iniciativa popular é de 2.500. A Mesa da Cámara pronunciarase sobre a admisibilidade de cada unha destas iniciativas presentadas. De seren admitidas, estas proposicións non de lei poderán ser asumidas por calquera grupo parlamentario para convertelas en proposición non de lei en pleno ou en comisión. Ao formulalas, deberá mencionarse sempre a súa orixe, aínda que preservando a identidade das persoas asinantes. As proposicións non de lei admitidas pola Mesa e non asumidas por ningún grupo parlamentario decaerán transcorridos quince días tras o seu anuncio no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

    Se vostede quere propor unha proposición non de lei de iniciativa popular, pode facelo a través da sede electrónica mediante o seguinte procedemento.

  • Participación popular no control ao Goberno . Calquera cidadán ou cidadá ou calquera persoa xurídica que represente intereses sociais e actúe lexitimamente a través dos seus órganos poderá dirixir preguntas ao Parlamento de Galicia co rogo de que sexan formuladas á Xunta de Galicia. As preguntas admitidas anunciaranse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia. Nun prazo de quince días, contados desde o seguinte ao da súa publicación, os deputados e deputadas poderán asumilas como propias para convertelas en preguntas con resposta escrita ou oral, mencionando a súa orixe, aínda que preservando a identidade da persoa asinante.

    Se vostede quere propor unha pregunta ao Goberno, pode facelo a través da sede electrónica mediante o seguinte procedemento.

  • Dereito de petición perante o Parlamento de Galicia . Calquera cidadán ou cidadá pode exercer o dereito de petición, de xeito individual ou colectivo, perante o Parlamento de Galicia.

    As peticións poderán versar sobre calquera asunto ou materia comprendido no ámbito de competencias do destinatario, con independencia de que afecten exclusivamente o peticionario ou sexan de interese colectivo ou xeral. Non son obxecto deste dereito as solicitudes, queixas ou suxestións para a satisfacción das cales o ordenamento xurídico estableza un procedemento específico distinto ao regulado na Lei orgánica 4/2001, do 12 de novembro, reguladora do dereito de petición.

    Se vostede quere exercer o dereito de petición ante o Parlamento de Galicia, pode facelo a través da sede electrónica mediante o seguinte procedemento.

  • Pregunta ao Parlamento de Galicia:

    Se á marxe das diferentes posibilidades contempladas na lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia vostede desexa efectuar alguna pregunta ou enviar alguna suxestión ao Parlamento de Galicia pode facelo por correo electrónico dirixíndose a algún dos seguintes destinatarios:

saltar ao pe de páxina