O Pleno do Parlamento elixe Valedora do Pobo, membros do Consello de Contas e novo Consello da CRTVG

· A sesión continúa co debate e votación de cinco textos lexislativos
 
Santiago, 3 de agosto de 2015.- O Pleno do Parlamento de Galicia elixiu esta tarde a Milagros Otero Parga como valedora do pobo; a Ana Mª Otero López, José Antonio Redondo López e Mª Begoña Villaverde Gómez como conselleiros do Consello de Contas de Galicia, e a Xosé Antón García Ferreiro, Luis de la Matta Cantó, Higinio Meijide Gómez, Ana Isabel Peón Piñeiro, Beatriz Soler Vázquez-Guillén e Leticia Vilar Pumares como membros do Consello de Administración da Corporación de Radio Televisión de Galicia.
 
Valedora do pobo
 
A nova valedora do pobo, Milagros Otero Parga, é doutora en Dereito pola Universidade de Santiago desde 1987 e profesora titular entre os anos 1989 e 2011. Na actualidade, é catedrática de Filosofía e Dereito da universidade compostelá, coordinadora da Facultade de Dereito para os convenios bilaterais con Latinoamérica e secretaria do Programa de Doutoramento de Dereito.
 
Otero Parga foi a primeira muller académica numeraria da Real Academia Galega de Lexislación e Xurisprudencia, así como a primeira muller catedrática de Filosofía do Dereito en Santiago e a primeira e única muller decana da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago. Tamén exerceu como secretaria da Comisión de Doutoramento e Terceiro Ciclo da Universidade de Santiago.
 
Entre os recoñecementos que recibiu, ten no seu poder a Medalla de Prata de Galicia, a insignia de ouro da Facultade de Dereito e a insignia de ouro da Universidade de Santiago. É asesora académica da Comisión de Dereitos Humanos do Estado de México e da Escola Xudicial deste mesmo Estado, organismo que tamén a nomeou maxíster honoris causa.
 
Consello de Contas de Galicia
 
Ana María Otero López é licenciada en Dereito e en Económicas e Empresariais pola Universidade Pontificia de Comillas. Membro do Corpo Superior de Inspectores de Facenda do Estado, na actualidade é conselleira do Consello Consultivo de Galicia.
 
José Antonio Redondo López é doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago; catedrático numerario da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago; académico numerario e membro da Xunta de Goberno da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras de España, e foi director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo entre 1995 e 2005.
 
María Begoña Villaverde Gómez é profesora contratada doutora de Dereito Financeiro e Tributario da Facultade de Dereito da USC desde 1998. Villaverde é tamén profesora adxunta na UNIR, onde imparte o Master Oficial de Fiscalidade Internacional. Doutora en Dereito pola USC e especialista en Dereito Tributario, foi acreditada como profesora titular da Universidade pola Aneca. Colabora en cursos e posgraos a nivel nacional e internacional e é autora de varias monografías en temas de fiscalidade e materia tributaria.
 
Consello de Administración da CRTVG
 
Xosé Antón García Ferreiro traballa na TVG desde a fundación da canle, actualmente na cobertura de temas de información internacional, e foi presidente, secretario e membro do comité de empresa do ente público durante doce anos, ademais de xefe de redacción e director do programa de reportaxes Enfoques. Como xornalista especializado en información internacional, cubriu conflitos e catástrofes coma os de Iraq, a antiga Iugoslavia, Nicaragua ou Venezuela.
 
Beatriz Soler Vázquez-Guillén é licenciada en Dereito pola Universidade San Pablo C.E.U. e conta cun máster en Xornalismo pola mesma universidade. Entre abril e xuño de 1999 traballou na emisora da Cadena COPE en Madrid e de xullo a xaneiro de 2000 na emisora da Cadena COPE en A Coruña. Durante o ano 2000 traballou na empresa Octo Europa Comunicación, colaborando co xornal El Mundo e a Cadena SER da Coruña. Posteriormente, foi redactora de El Ideal Gallego (entre decembro do 2000 e xuño de 2001) e redactora de informativos e directora do magacín La mañana de Cope-Coruña (2001-2009).

En xuño de 2009 foi designada xefa de prensa da Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, onde en xullo de 2001 pasou a desempeñar o cargo de xefa do Gabinete de Presidencia e Comunicación da Deputación da Coruña.

Ana Isabel Peón Piñeiro é licenciada en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Ao longo da súa carreira profesional ten traballado ou colaborado nos xornais El Progreso, Diario de Galicia, El País e El Correo Gallego, así como na Axencia Galega de Noticias, en Radio Nacional de España e en Radio Obradoiro. Foi igualmente conselleira técnica de Información no Ministerio da Presidencia (2001-2002) e no Ministerio de Sanidade (2002). Posteriormente foi asesora de comunicación da Presidencia do Senado (2002-2004), asesora do vicepresidente do Senado (2004-2005) e asesora do vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia (2005). En novembro de 2005 foi elixida membro do Consello de Administración da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), cargo que renovou en 2009 ata a actualidade. No ano 1988 recibiu o Premio Galicia de Comunicación por traballos publicados en Diario de Galicia.
 
Higinio Meijide Gómez é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi profesor de Dereito Constitucional, Autonómico e Orzamentario (1995-2003 e 2005-2006) e xefe de estudos da área de oposicións (2001-2003) na Academia Postal en Santiago de Compostela. Foi así mesmo xefe do Gabinete da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia (2003- 2005) e traballou como asesor xurídico para o Partido Popular de Galicia de 2006 a 2009. Desde xuño de 2009 é membro do Consello de Administración da Compañía da Radio Televisión de Galicia.
 
Luis de la Matta Cantó é licenciado en Xornalismo pola Universidade Antonio de Nebrija e conta cun diploma en Comunicación Audiovisual pola mesma universidade. Desde 2001 ten colaborado e traballado en xornais como ABC (2001-2004) e El Mundo-El Correo de Burgos de Castela e León (2005). Posteriormente, foi coordinador en HRH Editores de Madrid (2005-2006) e desde 2007 desenvolveu diferentes funcións no Gabinete de Comunicación do Partido Popular de Galicia. De xuño de 2009 a decembro de 2012 foi membro do Consello Asesor de Radio Televisión Española en Galicia e desde 2012 é membro do Consello de Administración da Compañía de Radio Televisión de Galicia.
 
Leticia Vilar Pumares actualmente é directora de comunicación, TICs e Boletín Oficial da Provincia como xefa de servizo e funcionaria de carreira na Deputación de Lugo; profesora asociada da Facultade de Xornalismo da USC e membro do grupo de traballo de Titulacións da Facultade de Humanidades en Lugo. Anteriormente foi directora de comunicación do Concello de Lugo. No ente público foi directora e editora de diversos programas informativos da CRTVG, presentadora de informativos autonómicos, locais e programas especiais do ente público, reporteira do equipo de directos nos informativos, xornalista na sede central e na delegación da Coruña e presentadora e guionista de programas.
 
Cinco textos lexislativos
 
Efectuadas estas eleccións, o Pleno da Cámara continúa co debate e votación dos cinco textos lexislativos previstos na orde do día: proposición de lei de reforma da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, e outras normas, para a prevención da corrupción; proposición de lei pola que se modifica a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia; proposición de lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia; proposición de lei para a reforma do Regulamento do Parlamento de Galicia e proxecto de lei de financiamento de formacións políticas e de fundacións e asociacións vinculadas.
 
Mañá, límite de gasto
 
Mañá martes, ás 16:30, dará comezo outro pleno extraordinario, convocado para o debate e votación do límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma. Tamén está prevista a comparecencia da conselleira do Medio Rural e do Mar para avaliar a situación actual do sector lácteo galego e para informar das medidas que se deben poñer en marcha para garantir a súa viabilidade.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes Relacionadas

Outras novas


Emisións en directo

Non temos emisións en directo neste momento.

Axenda

Na axenda atopará as ordes do día e a documentación das sesións desta Cámara, tamén poderá consultar o arquivo multimedia das sesións xa celebradas.

Calendario

LUNS 23
outubro de 2017
lunsmarmérxovvensábdom
1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031
<< setembro| novembro >>

Información das Sesións

Lista de sesións do día 23/10/2017


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408