O pazo do Hórreo

A disposición actual

O actual edificio conserva, sensiblemente, a mesma estrutura inicial que tiña a primitiva escola de veterinaria construída a principios do século XX, salvo naquelas partes creadas de novo, como sucede co hemiciclo ou salón de sesións, situado no patio central do edificio.

A fachada principal do pazo do Parlamento de Galicia acomódase ao antigo edificio de arquitectura ecléctica, con fachada modulada, de planta rectangular e un patio interior tamén rectangular, que provoca o baleirado interior, e onde se sitúa o hemiciclo ou salón de plenos.

A fachada sufriu determinadas modificacións que afectan sobre todo o remate frontal; xa que logo, o que tiña o edificio, con dous anxos que sostiñan o escudo real, foi substituído por outro, obra do escultor García de Buciños, onde se pode ver o escudo de Galicia, é dicir, o cáliz surmontado por unha hostia e rodeado por sete cruces, neste caso sostido por dúas figuras modernas de bronce, ademais da remodelación do oco da fiestra central, ao que se lle incorporou un balcón que non existía primitivamente.

O edificio consta de planta de soto, planta baixa, entreplanta e piso alto. Recentemente escaváronse os dous patios a nivel de soto para albergar despachos para deputados e deputadas.

Na planta baixa están situados máis despachos para grupos parlamentarios, bibliotecas, salas de reunións e dous amplos salóns para actos protocolarios, a saber, o salón dos reis, onde están os retratos do rei e da raíña, pintados por Manuel Matas, as bandeiras das comunidades autónomas e os retratos dos ex presidentes do Parlamento, e outro salón similar ao anterior; ambos teñen as súas paredes ornamentadas con cadros pictóricos de grandes dimensións do pintor Quessada e os chans sollados a base de granito gris do Porriño e mármore xaspeado en granate.

O salón dos reis utilízase para actos solemnes e para as tomas de posesión dos presidentes da Xunta de Galicia e tamén como sala de conferencias e recepcións.

Desde a porta principal chégase a un amplo vestíbulo, adornado cunha colosal alfombra que contén no centro o escudo de Galicia e os das sete provincias do Antigo Reino de Galicia, a saber: A Coruña, Mondoñedo, Tui, Santiago, Lugo, Betanzos e Ourense.

Este vestíbulo de honor recibe luz cenital desde unha fermosa claraboia ornamental de cristais de cres deseñada polo pintor galego Laxeiro, e a partir del arranca a escaleira principal, despois da recente modificación, que conduce ao salón de plenos, e a planta primeira ou principal a través doutras dúas escaleiras.

A planta baixa presenta as características propias da época en que foi construído o edificio, e tanto en ancho coma en alto dispón dunhas dimensións de grande amplitude; o teito está a sete metros de altura, pero a pesar diso non produce ningún efecto esmagador, moi ao contrario, os seus corredores dan a sensación de ter unhas dimensións harmonizadas.

Paga a pena citar que nesta planta baixa están situadas as dúas bibliotecas de que dispón o Parlamento de Galicia, ademais dos servizos de arquivo e documentación e unidade de informática. Citemos que unha das bibliotecas se coñece co nome de Ricardo Carballo Calero, por estar situada nela a súa biblioteca particular, adquirida polo Parlamento de Galicia, que acolle tamén os fondos bibliográficos da escritora galega Elena Quiroga e do seu esposo, Dalmiro de la Válgoma, que foi secretario perpetuo da Real Academia da Historia. Recentemente tamén se adquiriu parte da biblioteca dos irmáns Vilar Ponte, fundadores das Irmandades da Fala, así como unha boa parte do seu arquivo persoal.

A sala de lectura da biblioteca xeral dispón dun amplo espazo con departamentos individuais, ben iluminados, que permiten un traballo cómodo.

Na planta primeira están o despacho do presidente e os despachos dos vicepresidentes, o gabinete de presidencia, as salas de reunións da Mesa, das comisións parlamentarias, de ponencias, da Xunta de Portavoces e da Mesa, e todos os servizos administrativos, económicos, de prensa, reprografía, de mantemento e servicios xurídicos: oficial maior e letrados.

As dimensións dos corredores que rodean en forma rectangular o edificio teñen a mesma dimensión ca a planta baixa, é dicir, un ancho de catro metros e unha altura de sete, e nas súas paredes están colgadas pinturas de Quessada, Felipe Criado, así como a Carta Xeométrica de Fontán, González del Blanco, ou en determinadas vitrinas esculturas de Buciños e de Acisclo Manzano, e existen tamén obras de arte en todas as dependencias, das que destacan, no despacho do presidente, pinturas da autoría de Sucasas, Maside, Matas, Sobrino, Virxilio e López Guntín, esculturas de Acuña, Oliveira, etc., e noutras salas obras de artistas como Pousa, Legísima, Frau, Prego, Quessada, Juan Luis, Barreiro e outros.

Finalmente, entrambas as dúas plantas construíuse unha entreplanta para dar acceso directo ao salón de plenos, pero que serviu tamén para albergar nela a área do Goberno, os despachos dos secretarios da Mesa, a sala das letras galegas e os corredores de pasos perdidos.

A área do Goberno dispón de despacho para o presidente da Xunta de Galicia, despachos para os conselleiros e sala de reunións.

A sala das letras galegas recibe esa denominación porque nela están os retratos dos persoeiros: escritores, poetas, historiadores, etc., que dalgún xeito exaltaron a nosa lingua e por iso mesmo se lles dedicou o Día das Letras Galegas, conmemoración creada pola Real Academia Galega e que se celebra puntualmente o día 17 de maio de todos os anos desde 1963, porque esta foi a data na que Rosalía de Castro publica o seu libro Cantares Gallegos, ata a actualidade.

E para rematar, o salón de plenos ou hemiciclo, que é a máis importante dependencia na que se debaten e votan os máis importantes asuntos dos que o Parlamento de Galicia ten as súas competencias.

O salón de plenos amosa unha característica que predomina en toda a súa estrutura, que é o uso da madeira como elemento construtivo. A disposición que ofrece é idéntica á dos salóns análogos, é dicir, en forma semicircular ao redor dunha mesa elevada para que nela se sitúe o órgano rector da Cámara, dirixido polo presidente do Parlamento, que ten ao seu lado as dúas vicepresidentas, o secretario e a vicesecretaría, e os letrados.

Entre a mesa da Presidencia e os escanos está a tribuna de oradores nun plano inferior, e finalmente os asentos dos deputados e das deputadas mirando cara á mesa, cun corredor central que separa en dous os cinco semicírculos, que se sitúan gradualmente en forma crecente, onde se sentan os parlamentarios e parlamentarias. A primeira fila está ocupada pola Xunta de Galicia, encabezada polo seu presidente.

Dispón, ademais, de tribuna para o público e para os servizos de prensa, radio e televisión.

Existen dous paneis que reflicten os resultados das votacións por procedemento electrónico, e a cámara está iluminada mediante luz cenital nas zonas laterais.

Hai que sinalar que o número de escanos responde ao número de deputados e deputadas existente na actualidade, pero que pode ser ampliado no suposto de que se producise un incremento, tal como ten previsto o Estatuto de autonomía, ata un máximo de oitenta.

Rodeando o edificio, na súa parte exterior, existe unha reixa moderna en forma de lanza de aceiro de aspecto oxidado, e entre este pechamento e o edificio existe unha zona arborizada que dispón de fermosas especies ornamentais, como camelia, alcipreste, abeto roxo, sabugueiro, magnolia, cedro, loureiro, buxo, etc., que é un auténtico xardín botánico e que embelece o recinto dándolle un aspecto sereno e ornamental.


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408