saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Feijóo: ‘Por fin, entre todos conseguimos que Touriño rectifique’

CALENDARIO ELECTORAL 29/08/2008


• Asegura que esta crise política, que o propio Partido Socialista provocou, acabou estalándolles nas mans
• Touriño e Blanco viron que as enquisas reflectían que co adianto electoral o risco de perder o goberno era aínda maior e volveron ao escenario inicial de celebrar as eleccións autonómicas no mes de marzo
 
Santiago, 28 de agosto de 2008.- Logo do anuncio do presidente da Xunta de non adiantar as eleccións a outono, o presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe, en rolda de prensa que ‘por fin, entre todos, conseguimos que o señor Touriño rectifique’, e amosou a súa ledicia de que o presidente do Executivo autonómico ‘tomase a decisión menos mala para os intereses da nosa Comunidade’. ‘Cremos que, no actual contexto, -afirmou- é bo que o señor Touriño aclarase, como lle viña demandando a sociedade galega e o PPdeG, o calendario electoral’.
O líder dos populares galegos considera que con esta decisión, o presidente da Xunta busca aínda un pouco de tempo para facer algo útil coa súa xestión. ‘Esperemos que cando di ‘agotarei a lexislatura’ se refira ao seu tempo na presidencia da Xunta e non á paciencia dos galegos que lamentablemente cremos que está a punto de esgotarse’, matizou.
UNHA CRISE CUN DOBRE EFECTO
Feijóo asegurou que esta crise política, creada polo señor Touriño e polo señor Blanco, produxo un dobre efecto: ‘introduciu unha forte incerteza, durante semanas, sobre a estabilidade política de Galicia, no momento no que a crise económica comeza a golpear duramente;  e serviu para distraer a atención dos membros dun goberno que, en vez de estar en debates partidarios estériles deberían estar ao fronte da situación, tratando de resolver os serios problemas que Galicia ten diante de si’.
Asimesmo, subliñou que esta crise, que eles mesmos propiciaron, acaboulles estalando nas máns. ‘Touriño e Blanco viron que as enquisas reflectían que co adianto electoral o risco de perder o goberno era aínda maior e volveron ao escenario inicial de celebrar as eleccións autonómicas no mes de marzo’.
UN GOBERNO E UN PARTIDO DIVIDIDO
Para Feijóo, coa mera existencia do debate sobre o adianto, e as declaracións cruzadas dos membros do goberno, queda constatado non só que o goberno se atopa dividido, non xa entre socialista e nacionalistas, senón agora tamén dentro dos propios socialistas, como hoxe recoñecía o propio Touriño ao dicir que ‘aguantara as presións do seu propio partido’.
Unha vez resolto o calendario electoral, Feijóo pediu ao presidente da Xunta que poña a funcionar ao seu Goberno para resolver os problemas de Galicia. ‘Toca –dixo- falar de Galicia; intentar que saia da crise económica, e buscar solucións razoables ante o reto do debate do financiamento autonómico’.
saltar ao pe de páxina