saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

PEDRO PUY AVALÍA “POSITIVAMENTE” A TRAMITACIÓN DOS ORZAMENTOS, NA QUE SE INCORPORARON MEDIDAS DE CONTROL E TRANSPARENCIA, BLINDANDO OS SERVIZOS SOCIAIS E A ESTABILIDADE FINANCEIRA

ORZAMENTOS XUNTA E PORTAVOCIAS 19/02/2013

• Puy destacou a aceptación por parte do Grupo Popular de sete emendas do Grupo Socialista Santiago, 18 de febreiro de 2013.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, informou que no día de hoxe rematou o debate en Comisión dos orzamentos da Xunta, que serán aprobados de xeito definitivo no Pleno específico que se celebrará a vindeira semana. Puy avaliou “positivamente” o trámite parlamentario, “que foi útil á hora de incorporar non só emendas de carácter técnico senón tamén outras que poñen de manifestou a filosofía da política económica que estamos a aplicar de incremento do control, da transparencia e do esforzo fiscal para as persoas que máis teñen, ao tempo que se blindan os servizos sociais básicos e se mantén a estabilidade financeira e o cumprimento dos compromisos de todas as comunidades autónomas co Estado e coa Unión Europea”. Pedro Puy deu conta da xuntanza mantida polo Grupo Popular na que se prepararon os contidos que se presentarán para a inclusión no vindeiro pleno ordinario e se pechou a configuración do grupo coa designación das portavocías. En concreto, fixo referencia ás novidades, como a incorporación de Paula Prado, en substitución de Antonio Rodríguez Miranda, para todos os temas que afecten á Vicepresidencia; así como a de Herminia Pouso na portavocía para asuntos relacionados co Consello de Contas; Santiago Freire en conservación da natureza; María Dolores Faraldo en deportes; Julia Rodríguez Barreira en igualdade; Moisés Blanco Pardelo en novas tecnoloxías; Carmen Pardo López en relacións exteriores; Miguel Tellado en traballo; ou Javier Dorado Soto en xuventude. Respecto ao remate do debate en comisión dos orzamentos, Puy sinalou que neste trámite parlamentario se incorporaron 29 emendas do Grupo Popular e salientou a relativa ao control do gasto público, “permitindo á Intervención Xeral da Xunta que poida empregar técnicas de auditoría para analizar as contas tanto dos organismos da administración institucional como da autonómica”. O portavoz popular informou que “queda pendente a negociación dunha emenda do BNG en relación co convenio do persoal laboral da Xunta, que dependerá a súa aprobación do posible acordo no marco da negociación establecida entre a Xunta de Galicia e os sindicatos”. Así mesmo, apuntou que este trámite “se aproveitou para corrixir e deixar claro que as retribucións de todos os altos cargos sofren o axuste previsto, ao tempo que se especificaron os 8 millóns de euros para o naval e creouse unha partida de un millón de euros para aprendizaxe de idiomas estranxeiros”. ACORDOS CO GRUPO SOCIALISTA Pedro Puy destacou, ademais, a aceptación por parte do Grupo Popular de sete emendas do Grupo Socialista, “salientando a referente a que unicamente os membros do Consello da Xunta terán capacidade de nomear persoal de gabinete, unha práctica que o actual Goberno xa avanzou e agora se consolida nunha norma de rango legal; e a reforma da tarifa do imposto sobre o patrimonio”. “O orzamento que vimos de rematar é realista nos ingresos e transacciona unha emenda para deixar claro que ás persoas que teñen maior riqueza, nun momento especialmente difícil para a prestación dos servizos sociais polo alto nivel de desemprego, se lles esixe un esforzo progresivo adicional”, manifestou Puy. Neste sentido, engadiu que se trata duns “orzamentos equitativos no gasto e que cumpren cos requisitos de estabilidade orzamentaria que nos permitirá acometer unha evolución do gasto público no futuro para saír da crise”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina