saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

LÓPEZ-CHAVES ACUSA A TOURIÑO DE SER CÓMPLICE DAS IRREGULARIDADES DA CONSELLERÍA DE CULTURA POR AMPARAR QUE ÁNXELA BUGALLO OCULTE DATOS AO PARLAMENTO

CULTURA 25/04/2007


Santiago, 24 de abril de 2007.- O voceiro de Cultura do Grupo Popular, Ignacio López-Chaves Castro, acusou hoxe no Parlamento ao presidente da Xunta de ser cómplice das irregularidades cometidas pola consellería de Cultura, na medida en que non tomou cartas no asunto e ampara a actitude da conselleira Ánxela Bugallo, que se continúa negando a facilitar ao Parlamento a documentación e os contratos solicitados polo PPdeG na procura de novas anomalías.
López-Chávez convidou a Pérez Touriño a tomar as rendas da situación e desautorizar as irregularidades cometidas no seo da consellería de Cultura. Entre outras anomalías denunciadas, e documentadas, polo PPdeG figura un contrato de  186.910 euros outorgado a unha empresa do irmá do conselleiro (tamén nacionalista) de Industria; o sobresoldo percibido polo secretario xeral da Consellería por pronunciar unha conferencia organizada e pagada polo departamento que el mesmo dirixe; ou a incompatibilidade na que incorre a directora do Centro Dramático Galego, que pese a ter un contrato que lle esixe responsabilidade, continúa á fronte dunha compañía privada de teatro que factura elevadas cantidades á Xunta. 
TOURIÑO VULNERA A SÚA PROPIA LEI DE TRANSPARENCIA
Ante esta sucesión de anomalías, no debate dunha moción para poñer freo a estes comportamentos irregulares, o deputado popular acusou ao presidente da Xunta de vulnerar a Lei de Transparencia promovida polo Executivo bipartito, que no seu artigo 15.10 sinala que os membros do Goberno “serán responsables das accións realizadas no desenvolvemento das súas funcións e garantirán a ausencia de arbitrariedade na adopción das súas decisións”. Ese mesmo apartado engade que, así mesmo, están obrigados a por en coñecemento dos órganos competentes calquera actuación irregular da cal teñan coñecemento”.
Neste sentido López-Chaves, dirixíndose ao presidente da Xunta e ao conselleiro da presidencia, “por se non leen os periódicos”, explicoulles as irregularidades promovidas por Ánxela Bugallo e o seu equipo para que adopten as medidas oportunas.
O voceiro de Cultura  dos populares galegos sinalou, en alusión a Pérez Touriño, que “non pode ter vostede coñecemento das incompatibilidades da directora do Centro Dramático Galego e dos sobresoldos dos secretario xeral da Consellería e non facer nada”.
“PARLAMENTOFOBIA” DA CONSELLEIRA
Logo de preto de un ano tentando recabar información, desde a Cámara autonómica,  sobre o contido dos diferentes contratos asinados pola Consellería de Cultura, Ignacio López-Chaves chegou á conclusión de que Ánxela Bugallo padece “parlamentofobia”.
Esta “doenza antidemocrática” explicaría, en opinión do deputado popular, que a conselleira se resista a comparecer na Cámara para dar explicacións sobre os aspectos máis cuestionables da súa xestión, que non  responda ás preguntas escritas nin facilite copia da documentación que se lle solicita ao abeiro do Regulamento do Parlamento”: “E cada vez que se ve obrigada a ter que vir ao Parlamento, como a semana pasada a raíz da interpelación que non puido paralizar, faino a desgusto e con noxo”, denunciou o voceiro popular.
saltar ao pe de páxina