saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

O PPdeG ADVIRTE QUE O NOVO DECRETO DE HABITABILIDADE PODE PROVOCAR UNHA SEGUNDA PARALIZACIÓN URBANÍSTICA, AO CONDICIONAR TODOS OS PXOM EN VIGOR

URBANISMO 25/04/2007

 
Santiago, 24 de abril de 2007.- O borrador de decreto de habitabilidade, que a Consellería de Vivenda ten ultimado e pendente de someter á aprobación do Consello da Xunta, ameaza con provocar un novo parón da actividade urbanística en Galicia, na medida en que podería obrigar a reformar os Plans Xerais de Ordenación Municipal e outros instrumentos de planeamento que están en vigor, segundo desvelou hoxe a deputada popular Pilar Rojo.
Ao responder a unha comparecencia da conselleira de Vivenda no Pleno do Parlamento sobre o Plan  galego de calidade da edificación, Rojo Noguera criticou que Teresa Táboas acuda ao Parlamento a falar dun documento que aínda non lle foi remitido e sobre o que, polo tanto, resulta difícil posicionarse.
En todo caso, a deputada popular apuntou que o borrador de decreto de habitabilidade  que ultima o departamento de Teresa Táboas invade competencias urbanísticas da Consellería de Política Territorial ao fixar unha nova altura para as vivendas que se constrúan a partir da entrada en vigor da norma (de 2,50 a 2,70 metros de altura por planta, o que repercutirá na altura total do edificio, limitada, á súa vez, polos instrumentos urbanísticos en vigor en cada concello). O decreto establece tamén a distancia mínima entre dúas fachadas, o que condicionará o ancho das rúas, malia que este non coincida co determinado no PXOM ou en calquera outro instrumento de planeamento que poda estar en vigor.
VIVENDA CONTINÚA POR LIBRE
A voceira de Vivenda e Urbanismo do PPdeG chamou a atención sobre o parón adicional que esta norma vai provocar sobre a construción en Galicia no caso de que a Consellería de Vivenda non mude de criterio e continúe de costas á de Política Territorial. Ante esta situación, a deputada popular preguntou a Teresa Táboas se este proxecto de decreto foi coordinado con Política Territorial ou, se pola contra, se trata de un novo caso de “traballo por libre”.  “¿Qué vai pasar cos planeamentos vixentes, con dereitos recoñecidos que a nova norma pode invalidar”, indagou Pilar Rojo.
Para a deputada popular, tamén cabe a posibilidade de que esta iniciativa de Teresa Táboas obedeza a un novo “plan virtual”, como os minipisos, as casas en contedores ou as cabanas da madeira, anunciadas no seu momento pola conselleira como proxectos estrela do departamento e cuia vixencia se limitou, polo de agora,  á divulgación das propostas nos distintos medios de comunicación.
MOZOS EXCLUÍDOS DA POLÍTICA DE VIVENDA DA XUNTA
Referíndose á política de anuncios da Consellería de Vivenda, Pilar Rojo referiuse aos apartamentos para universitarios, como exemplo da “política social dun bigoberno que se declara progresista, pero non ten en conta que todos os mozos, sexan ou non universitarios, deben ter os mesmos dereitos para acceder a unha vivenda”
Pilar Rojo recordou que canda os anuncios da Consellería de Vivenda, que destinou 750.000 euros a unha campaña publicitaria de autobombo, subsisten vivendas acabadas e sen entregar, vivendas baleiras e presupostos sen executar. Mentres, Galicia pasou estar entre as dúas Comunidades Autónomas con menor crecemento do prazo da vivenda, cando se produciu o cambio de Goberno, a situarse como a máis alcista de todos, cunha suba do 12,2% no primeiro trimestre de 2007, 5 puntos por riba da media estatal.
Neste escenario, con planeamentos urbanísticos paralizados e sen solo dispoñible para construír novas vivendas, o prazo medra por riba da media do Estado. “No conxunto de España, os prezos da vivenda presentan unha tendencia cara a contención, pero en Galicia seguirán medrando mentres que a Administración autonómica non tome cartas no asunto”, advertiu Pilar Rojo.
MINISTROS EN CAMPAÑA ELECTORAL
Na súa intervención, a deputada popular apuntou que “aínda que sexa en campaña electoral, alegrámonos de que veñan ministros a Galicia”, en alusión á visita efectuada onte por María Antonia Trujillo, na busca dunha foto fácil, aínda que “agardamos que os novos anuncios se materialicen e non sexan, como ata o de agora, vivendas de papel”.
NOVO CASO DE ENDOGAMIA NACIONALISTA
Pilar Rojo alertou tamén no Parlamento que a reforma da Lei de Vivenda que se dispón a desenvolver a Consellería pode dar lugar un novo caso da endogamia que caracteriza a adxudicación dos contratos do Goberno bipartito, xa que, segundo información que chegou ao PPdeG, puido ter sido adxudicada a un gabinete xurídico vinculado ao BNG.
A deputada popular subliñou que este tipo de prácticas se converteron en habituais no Goberno bipartito e recordou, nesta liña, que a Consellería de Cultura adxudicou un contrato do programa A Cultura Circula, por valor de 186.910 euros a unha empresa constituída polo irmán do conselleiro de Industria 12 días antes de poñer en marcha as actividades; que a xerente da Área Sanitaria de Ferrol desvía pacientes a un hospital privado no que traballa un ex-alto cargo da Consellería de Sanidade do bipartito; ou que o marido da consellería de Educación recibiu axudas da Xunta para investigación por valor de máis 500.000 euros.
saltar ao pe de páxina