saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

GALICIA PERDE 172 MILLÓNS DE EUROS NO REPARTO DO NOVO FONDO EUROPEO DA PESCA

FONDO EUROPEO PESCA 25/04/2007

Santiago, 24 de abril de 2007.- A incapacidade negociadora do Goberno central e da Xunta para defender os intereses do sector pesqueiro galego ante as institucións comunitarias fai que a Comunidade Autónoma perda 172 millóns de euros (preto de 30.000 millóns das antigas pesetas) no reparto do Fondo Europeo da Pesca 2007-2013. O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, revelou hoxe no Parlamento, que Galicia recibirá tan só 428 millóns de euros durante o período 2007-2013, fronte aos 600 millóns que conseguira entre os anos 2000 e 2006.
José Manuel Balseiro efectuou esta matizacións ao responder, no Pleno de hoxe, a unha comparecencia da conselleira de Pesca, efectuada con case un ano de retraso, na medida en que fora solicitada polo Goberno o 23 de xuño de 2006.
O voceiro de Pesca dos populares galegos recordou que a incapacidade da conselleira Carmen Gallego e o seu equipo fixo que deixaran se executar unha partida de 8,8 millóns de euros de fondos propios no exercicio de 2006. E que a esa cifra hai que engadirlle outra partida de arredor de 30 millóns de euros destinados á acuicultura procedentes de fondos IFOP (Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca da Unión Europea), que a Consellería de Pesca tamén deixou sen executar durante o pasado exercicio presupostario.
Recorrendo á ironía, Balseiro Orol exclamou que “xa se sabe que á Consellería de Pesca non lle facían falta os cartos porque non é capaz de gastalos”. Por iso, o deputado convidou a conselleira a explicitar qué porcentaxe dos 428 millóns de euros que lle corresponden a Galicia no marco do novo FEP deixará sen investir como consecuencia da súa incapacidade e a do equipo que dirixe.
A CONSELLERÍA DEBE EXPLICAR POR QUÉ NON INVISTE O PRESUPOSTO
Neste escenario, Balseiro Orol instou a Carmen Gallego a explicar “aos mariscadores, ao sector do palangre, aos que traballan na baixura e no Gran Sol  que na Consellería de Pesca tiñan recursos pero que non souberon como gastalos, mentres eles se teñen que enfrontar, case en solitario, á grave crise que atravesa a súa actividade”. Por iso, argumentou o deputado popular, “non será raro que moitos pidan a súa inmediata dimisión. E non soará raro porque xa o están a pedir”.
Entre as carencias do novo Fondo Europeo da Pesca, Balseiro Orol laiouse de que non regula as axudas para a construción de novos buques “que son a garantía de futuro e de máis e mellor seguridade”,  ao tempo que “limita de forma substancial a renovación da flota”.
PLAN DO POLBO EXCLUÍDO DAS AXUDAS EUROPEAS
Reprochoulle tamén a Carmen Gallego que a Consellería de Pesca excluíse expresamente o plan de recuperación do polbo das axudas a conceder no marco do novo FEP, a pesar de que o propio regulamento deste fondo contempla a posibilidade de subvencionar este tipo de medidas. “Non sabemos que pensará Touriño  de tanto descoido”, afirmou Balseiro antes de advertir que “a conselleira de Pesca volveu meter a pata”.
saltar ao pe de páxina