saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

NÚÑEZ FEIJÓO PROPÓN UN SEGURO SANITARIO PARA QUE OS ENFERMOS NON AGARDEN MÁIS DE 45 DÍAS EN SOMETERSE A UNHA PROBA DIAGNÓSTICA E UNHA PRIMEIRA CONSULTA

PROPOSTA SANIDADE 24/04/2007

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2007.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Fejóo, ofreceu hoxe á Xunta un abano de iniciativas para mellorar o funcionamento da sanidade pública galega, entre as que destaca a proposta de promulgación dun seguro sanitario para que os pacientes que leven máis de 45 días esperando unha proba diagnóstica ou primeira consulta non urxente no especialista podan ser derivados a outro dispositivo asistencial, público ou privado, que estea en condicións de ofrecer ese servizo. O obxectivo de 45 días sería para este ano e, teríamos un obxectivo de 30 días para o 2008.
A proposta formulada por Núñez Feijóo, que será presentada esta mesma tarde no Parlamento de Galicia, daría continuidade á garantía, xa recollida polo anterior Goberno do PPdeG na Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia (LOSGA), de que calquera paciente que leve máis de 6 meses á espera dunha intervención cirúrxica terá dereito a que se lle ofreza a posibilidade de ser atendido noutro dispositivo asistencial.
Garantir o dereito dos pacientes a non agardar máis de 45 días pola realización dunha proba diagnóstica ou pola primeira consulta especializada, sempre que sexa derivado polo seu médico de cabeceira, constitúe, en opinión de Núñez Feijóo, o único xeito de garantir unha asistencia sanitaria de calidade e a fórmula axeitada para superar o colapso asistencial que afecta ao sistema público desde hai preto de ano e medio.
Segundo os datos dispoñibles sobre a sanidade pública galega, a prinicipios do ano 2005, antes das eleccións xerais e da chegada do bipartito á Xunta, o obxectivo dos populares galegos e, así se refleaba no seu programa electoral era que, ningún galego esperara máis de 30 días para ser atendido nunha primeira consulta especializada non urxente. A situación preocupante da sanidade pública galega actualmente leva a poñer o límite actual para este ano en 45 días.
OS DATOS DA CONSELLEIRA NON SON REAIS
Núñez Feijóo amosouse sorprendido polos datos de prensa facilitados no día de onte pola conselleira de Sanidade xa que “en Galicia cantos máis conflictos menor é a lista de espera” e pediulle á Conselleira de Sanidade que remita ao Parlamento os datos de lista de espera para poder avalialos.
Segundo os datos da propia consellería, as listas de espera non son reais porque hai 14.000 persoas que non están diagnosticadas e non poden entrar en lista de espera. Estes datos demostran que a lista de espera é maior agora que hai un ano.

NECESIDADE DE FREAR O COLAPSO ADICIONAL QUE SE AVECIÑA
Advirten os populares que de non habilitarse medios adicionais, o colapso –tanto nos servizos de urxencia, como nas consultas externas e dispositivos de hospitalización- acadará aínda maiores proporcións. A Consellería de Sanidade, engade o PPdeG, non ten previsto poñer en marcha equipamentos complementarios aos existentes a día de hoxe para atender as probas diagnósticas adicionais que, a partir de agora, tamén poderán solicitar os facultativos de atención primaria.

DEMORAS DE MÁIS DE UN ANO PARA PROBAS E CONSULTAS
Especialidades como xinecoloxía ou oftalmoloxía están a rexistrar unha demora media de arredor de un ano para as primeiras consultas dos enfermos que son derivados polos médicos de atención primaria. A este problema súmase a lista de espera existente para realización de probas exploratorias necesarias para establecer un diagnóstico e que presenta unha tendencia ascendente.
A modo de exemplo, o Sergas tarda unha media de ano e medio en practicar unha mamografía, existen peticións de ecografías con esperas iguais ou superiores ao prazo anterior, e probas como unha resonancia magnética –necesaria para procesos que, en ocasións, revisten nunha especial gravidade- demóranse entre 3 e 4 meses no mellor dos casos.
LISTA DE ESPERA PARA MANIFESTARSE
Touriño conseguiu que na actualidade exista lista de espera para manifestarse. O escenario actual, agregou Núñez Feijóo, vese agravado polo clima de elevada conflitividade social que se rexistra no seo da sanidade pública de Galicia. A sucesión de folgas e outros paros que se están a rexistrar entre o persoal facultativo e técnicos do Sergas contribúe a incrementar a saturación do sistema, xa que as intervencións cirúrxicas e probas diagnósticas que se están a suspender como consecuencia destes conflitos laborais súmense á xa avultada listas de espera do Sergas.
Nas dúas últimas semana, varios centros de actos médicos téñense suspendido cada día na rede do Sergas (intervencións cirúrxicas, consultas médicas e probas diagnósticas) como consecuencia da elevada conflitividade laboral que se rexistra ao cotío. Ante esta situación, as urxencias hospitalarias acaban saturadas por enfermos que levan meses agardando ser atendidos a través dos canles habituais.
Núñez Feijóo fixo este anuncio ao remate unha xuntanza cos voceiros de área do Grupo Parlamentario Popular de Galicia celebrada esta mañá na Cámara autonómica.
Recentemente, a Asociación El Defensor del Paciente denunciou o crecente deterioro da sanidade pública galega nos últimos meses, situándoa como a de peor calidade de España. Esa mesma organización sinalaba que 35.000 persoas estaban pendentes de operarse nos hospitais do Sergas e que a lista de espera media é de 120 días, aínda que aumenta ata os 250 días en Vigo, e se dispara ata os dous anos en especialidades concretas.
O paradigma dos problemas actuais do Sergas, apuntan os populares, reside nas listas de espera para o médico de cabeceira que se están a rexistrar, por primeira vez na historia da sanidade pública galega, desde hai un ano.
INCUMPRIMENTO: CONSULTAS DE 10 MINUTOS E QUIRÓFANOS 24 HORAS
Recorda o PPdeG que o novo xeito de xestionar a sanidade pública do Goberno bipartito -caracterizado polos conflitos laborais, a descoordinación, as tensións internas e o tráfico de favores que estalou a finais de setembro co cesamento do secretario xeral do Sergas e do director xeral de Asistencia Sanitaria- contrasta coas promesas efectuadas durante anos polos partidos que agora sustentan ao bipartito.
O PSOE prometeu con insistencia que cada médico disporía, polo menos, de 10 minutos para atender a cada paciente, mentres que o BNG anunciara na pasada campaña electoral que os quirófanos funcionarían as 24 horas do día se iso fose preciso para acabar coas listas de espera.
En lugar de arbitrar medidas neste sentido, o deterioro asistencial vai en aumento mentres a Consellería de Sanidade queda sen argumentos para responder ás numerosas irregularidades que están a ser denunciadas. A pasada semana, o PPdeG revelou que a xerente da Área Sanitaria de Ferrol deriva pacientes do Hospital Arquitecto  Marcide, cunha carta asinada por ela mesma, a un centro privado dirixido por un antigo alto cargo da Consellería de Sanidade, que tamén estaría vulnerando a le ide incompatibilidades.
saltar ao pe de páxina