saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Vázquez validó a compra dun coche de medio millón de euros pero aínda así acusa de derrochador a quen reduce nun 47% o número de altos cargos

VAZQUEZ DESPILFARRO 27/04/2009

• O PPdeG móstrase sorprendido pola torpeza de Vázquez, quen cre que a mellor forma de desgastar a Alberto Núñez Feijóo é culparlle, mentindo, de facer precisamente o que facía o Goberno anterior: dilapidar diñeiro público
• O líder do PSOE debería lembrar que apoiou obras e reformas multimillonarias en sedes institucionais que custaron unha fortuna ao erario público, e que se completaron con mobles de deseño de elevado custo.
• Debería dicir se sente máis identificado cun Goberno que gasta o diñeiro de todos en cadeiras de custo indecente, ou cun que aforra gastos innecesarios aos cidadáns
• Os populares piden a Vázquez que traballe con lealdade ao Goberno galego e que á hora de facer críticas, polo menos, centre o tiro, posto que corre o risco de que a sociedade galega non lle recoñeza a máis mínima sensatez
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2009.- O Partido Popular de Galicia non pode senón mostrar a súa sorpresa polas declaracións do novo líder dos socialistas galegos, Manuel Vázquez, quen tivo a ben criticar ao presidente da Xunta por malgastar o diñeiro de todos. Os populares móstranse sorprendidos pola torpeza de Vázquez, quen cre que a mellor forma de desgastar a Alberto Núñez Feijóo é culparlle, mentindo, de facer precisamente o que facía o Goberno anterior: dilapidar diñeiro público.
O PPdeG lembra que o novo Goberno galego, operativo desde hai sete días, encamiñou as súas primeiras decisións cara ao recorte da estrutura administrativa da Xunta, en busca de rebaixar os custos de funcionamento do Executivo autonómico. Reduciuse nun 25% o número de Consellerías, e nun 47% o de altos cargos, decisións que se unen á tomada polo propio Alberto Núñez Feijóo de empezar a elaborar un plan de austeridade que permita reducir gastos para poder afrontar melloras nos servizos ao cidadán, así como rebaixas fiscais, necesarias para axudar ás familias a paliar os efectos da crise.
Fronte a esta actitude, está a probada polo anterior Goberno galego do que formaba parte Manuel Vázquez, que non dubidou en autorizar gastos superfluos e innecesarios destinados a satisfacer o gusto polo luxo do ex presidente da Xunta e dos seus conselleiros, o de Medio Ambiente incluído. Vázquez debería lembrar que avalou coa súa firma no Consello da Xunta compras como a dun coche de 480.000 euros para o presidente Touriño, que contaba nese momento con outros dous coches oficiais de altas prestacións. Tamén debería lembrar que apoiou obras e reformas multimillonarias en sedes institucionais que custaron unha fortuna ao erario público, e que se completaron con mobles de deseño de elevado custo.
ELIXIR ENTRE MALGASTE OU AUSTERIDADE
Vázquez debería dicir se sente máis identificado cun Goberno que gasta o diñeiro de todos en cadeiras de custo indecente, ou cun que aforra gastos innecesarios aos cidadáns e que se aperta o cinto á vez que llo aperta a sociedade galega. Con todo, as críticas vertidas esta mañá cara á Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo retrata as súas preferencias: o líder do PSOE estraña os tempos en que se malgastaba o diñeiro de todos pagando caprichos desmedidos.
Os populares cren que o secretario xeral do PSOE en Galicia empezou a súa etapa como líder da oposición do modo menos acertado posible, e pídenlle que traballe con lealdade ao Goberno galego e que á hora de facer críticas, polo menos, centre o tiro, posto que corre o risco de que a sociedade galega non lle teña en conta nin lle recoñeza a máis mínima sensatez.
saltar ao pe de páxina