saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

Feijóo: ‘Acadaremos que o 80% da poboación galega estea a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade’

FEIJOO INFRAESTRUTURAS PROGRAM 21/01/2009

• Aprobará, nos primeiros cen días de Goberno, un Plan de Infraestruturas 2009-2015
• Creará un Plan de aparcadoiros disuasorios metropolitanos á entrada das cidades, cos custes baixos
• O investimento en infraestructuras de transporte elevarase desde o 0,85% ao 1% do PIB
• Comprométese a crear un Consorcio de transporte que busque a coordinación administrativa, a integración tarifaria e o complemento dos medios de transporte
• Rematará o Plan de Transporte metropolitano nas sete grandes cidades; o obxectivo será cubrir, desde o punto de vista do transporte público, o 65% da poboación galega
• Galicia é a única comunidade que non ten servizo de ferrocarril de cercanías. Feijóo comprométese a levar a cabo a implantación de catro liñas prioritarias
• Non renuncia a que se cumpran os prazos do AVE. ‘Buscaremos un acordo co AVE poñendo por testemuña a todo o ámbito parlamentario, co presidente da Xunta á cabeza’
A Coruña, 20 de xaneiro de 2009.- Que o 80% da poboación galega estea a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade; este é o gran obxectivo da vertebración, da igualdade e da equidade do Partido Popular de Galicia, en materia de infraestructuras para os próximos catro anos e se o presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, chega á Xunta de Galicia. ‘O obxectivo é –explicou Feijóo- que a inmensa maioría dos cidadáns galegos, sen baixarse dunha autovía, desde as súas casas, podan conectar coas principais capitais de España e coas principais capitais de Europa’.
Feijóo, que presentou, esta mañá, na Coruña, as propostas do programa electoral neste eido, comprometeuse a aprobar, nos primeiros cen días de Goberno, un Plan de Infraestruturas 2009-2015. ‘Este goberno, -lembrou- non foi capaz de aprobar un plan de infraestructuras en catro anos e nós comprometémonos a facelo nos primeiros 100 días de goberno’.
REMATE DAS INFRAESTRUTURAS DO PLAN GALICIA 2011-2012
Segundo o líder dos populares galegos, este plan conterá todo o compromiso do PPdeG en infraestructuras viarias en toda a comunidade autónoma: ‘estarán incluídas todas as infraestructuras do Plan Galicia de competencia da Xunta; e estarán, por suposto, comprometidas a finalización de todas as infraestructuras do Plan Galicia entre os anos 2011-2012, porque temos que asumir –matizou- os retrasos que se produciron nelas nos últimos catro anos’.
Así mesmo, Feijóo comprometeuse a que estas infraestructuras sexan ‘útiles e intelixentes’, que busquen a mobilidade permanente de persoas e mercadorías para conseguir a mobilidade en cada zona e co resto das zonas e ‘así buscar ese territorio intelixente que perseguimos’.
PLAN DE APARCADOIROS DISUASORIOS METROPOLITANOS
Feijóo subliñou, tamén, a creación dun Plan de aparcadoiros disuasorios metropolitanos á entrada das cidades, cos custes baixos para que a xente poda deixar o seu coche, coller un autobús, tomar un tren de mercadorías ou de longa distancia, ou coller un avión.
‘Este plan –explicou- o conectaremos coa rede de transporte público e desde alí garantiremos a mobilidade na área metropolitana, na cidade ou para saír fóra de Galicia por ferrocarril ou por aeroporto’.
O goberno do Partido Popular gastará máis en inversión, en empregos e en riqueza e por iso o investimento en infraestructuras de transporte elevarase, segundo Feijóo, desde o 0,85% ao 1% do PIB.
No tocante á rede completa de autovías e vías de alta capacidade, o presidente do PPdeG comprometeuse a que todas as estradas novas que se planifiquen en Galicia teñan a categoría de autovía ou a categoría de vía de diseño desdobrable; ‘é dicir ou facemos unha autovía directamente ou facemos unha obra que se poda desdobrar e convertela en autovía unha vez que a intensidade de tráfico o requira’.
CONSORCIO DE TRANSPORTE METROPOLITANO DE GALICIA
O obxectivo do PPdeG non só é chegar antes, senón que é chegar seguro, chegar máis barato, respectar o medio ambiente e trasladarnos da forma máis cómoda posible, ‘por iso, -anunciou- a mobilidade estará sempre en cada unha das decisións que adoptemos no ámbito das infraestructruas e outorgaremos a mobilidade ao Consorcio de transporte metropolitano de Galicia’.
Feijóo comprometeuse a crear un Consorcio de transporte ao que se invitará a todas as administracións, que busque a coordinación administrativa, a integración tarifaria e o complemento dos medios de transporte. ‘Invitaremos ao ente ferroviario que depende da Xunta; invitaremos aos concellos e as deputacións e ao ministerio de Fomento, co obxecto de buscar unha explotación coordinada dos medios de transporte, unha imaxe unitaria de todos os medios de transporte público e un abaratamento a través do billete único ferrocarril, barco -no caso das rías- e transporte urbano, no caso metropolitano e de cidades’.
REMATAR O PLAN DE TRANSPORTE METROPOLITANO
O líder dos populares galegos anunciou, tamén, o seu compromiso de rematar o Plan de Transporte metropolitano nas sete grandes cidades; ‘un plan que está como estaba fai catro anos’.
Segundo explicou, o obxectivo será cubrir, desde o punto de vista do transporte público, o 65% da poboación galega, máis de 1.650.000 persoas, ‘o outro millón que falta terá reflexo no transporte rural e comarcal que aproveitará as capacidades do transporte escolar, que buscará a xeneralización de melloras tarifarias para que no ámbito rural se utilicen con maior intensidade estes transportes e que de forma excepcional non descarta incluso nalgún caso de falta de accesibilidade compartir cos taxistas determinadas liñas a lugares de moi difícil acceso desde o punto de vista do transporte regular’.
 
Feijóo comprometeuse a proseguir co transporte nocturno, sobre todo os fins de semana e en zonas de vacacións, e a buscarlle o máximo rendemento a intermodalidade entre o transporte por ferrocarril e o transporte en autobús.
Garantir a seguridade dos taxistas, permitirlles a diferenciación de tarifas en todo o territorio entre urbano e metropolitano, comarcal e rural, e regulalo todo a través dun regulamento novo para o taxi e un regulamento novo para os autónomos do taxi, son algunhas das propostas máis destacables que inclúe o programa electoral do PPdeG para este colectivo.
UNHA POLÍTICA INTEGRAL DE FERROCARRIL
No tocante ao servizo ferroviario, o PPdeG propón unha política integral de ferrocarril, o que significa:
- buscar o mellor desde o punto de vista do longo percorrido
- buscar unha política concreta desde o punto de vista das cercanías
- buscar unha política concreta desde o punto de vista das mercadorías
Neste sentido, Feijóo comprometeuse, nun primeiro termo, a que o ferrocarril chegue aos portos, porque non hai un porto operativo sen ferrocarril. ‘Un porto sen ferrocarril –dixo- é unha estructura mutilada, non é competitivo, por iso plantexaremos facer o proxecto e a infraestructura ao porto exterior e ao porto de Ferrol, xa que durante os últimos catro anos non se tivo tempo nin sequera de facer o proxecto’.
CATRO LIÑAS DE FERROCARRIL DE CERCANÍAS
No ámbito das cercanías, o presidente do PPdeG lembrou que Galicia é a única comunidade de toda España que non ten este servizo, ‘é probablemente –dixo- sexa a única do litoral de toda España, na que se estean levantando as vías que posibiliten eses servizos de cercanías’.
Neste senso, Feijóo comprometeuse a deter o levantamento das vías e a levar a cabo a implantación de catro liñas prioritarias:
- Coruña – Betanzos – Ferrol
- Santiago – Vilagarcía
- Tui – Porriño – Vigo – Pontevedra
- Ourense – O Carballiño - Taboadela
O PPdeG encargará a un ente ferroviario toda a política de planificación, de deseño e execución de infraestructura ferroviaria; ‘o ten Andalucía, o ten Cataluña e o ten Euskadi e Valencia e nós cremos que a quinta comunidade máis poboada de España necesita ese ente’.
O PPDEG NON RENUNCIA AOS PRAZOS DO AVE
Así mesmo, Feijóo aseverou que o PPdeG non renuncia a que se cumpran os prazos do tren de alta velocidade. E neste sentido, afirmou que o primeiro que fará, se é presidente da Xunta, será sentarse co ministerio de Fomento para fixar os prazos do AVE e ‘invitarei ás forzas políticas para que veñan comigo co obxecto de buscar un acordo como se buscou no ano 85 coas autovías. Buscaremos un acordo co AVE poñendo por testemuña a todo o ámbito parlamentario, co presidente da Xunta á cabeza’.
Feijóo lembrou tamén o compromiso do PPdeG a plantexar un metro lixeiro para Coruña e para Vigo.
saltar ao pe de páxina