saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario Popular de Galicia

O PPdeG RECLAMA QUE O BIPARTITO FAGA EFECTIVO O COMPROMISO DE NOMEAR AO DIRECTOR XERAL DA CRTVG POR MAIORÍA CUALIFICADA DO PARLAMENTO

ELECCION DIRECTOR XERAL CRTVG 11/06/2007


Santiago, 8 de xuño de 2007.- O voceiro do Grupo Popular na Comisión de Control da CRTVG no Parlamento de Galicia. Diego Calvo, reclamou hoxe ao Goberno bipartito que faga efectivo o compromiso electoral, recollido no acordo asinado por socialistas e nacionalistas ao inicio da actual lexislatura, de efectuar o nomeamento do director xeral do ente público por maioría cualificada da Cámara autonómica.
Á metade da actual lexislatura, e vista a deriva sectaria na que está inmersa a Televisión de Galicia, o PPdeG insta á Xunta a que materialice o seu compromiso programático con urxencia, co obxecto de poñer freo á manipulación informativa promovida polo equipo dirixido polo actual director xeral, Benigno Sánchez.
Proba diso – recordou Calvo Pouso en rolda de prensa- é que ata o propio BNG, socio do Goberno de Pérez Touriño, ten cuestionado a actitude da televisión pública, por entender que se converteu nun instrumento propagandístico ao servizo da ala socialista da Xunta e marxina sistematicamente á área nacionalista do Executivo.
A  TVG TAMÉN CENSURA A OROZCO
Calvo Pouso apuntou, como mostra da censura que se está a aplicar na TVG, que as tres roldas de prensa ofrecidas esta semana polo presidente do PPdeG foron silenciadas no Telexornal Serán das 20:45, horas. Do mesmo xeito, Televisión de Galicia omite sistematicamente calquera referencia ás dificultades que están a rexistrar PSdeG-PSOE e BNG na negociación dos pactos municipais. De feito, as declaracións de López Orozco opoñéndose con dureza á proposta nacionalista foron censuradas polo equipo que dirixe Benigno Sánchez.
O tamén vicesecretario xeral do PPdeG anunciou que, no caso de que o bipartito acepte esta proposta, que se someterá a debate no Pleno do Parlamento da próxima semana, os populares galegos sumaranse a ela sen máis condicións que a de esixir que os candidatos a substituír a Benigno Sánchez se axusten aos criterios de profesionalidade e independencia de criterio.
As bases programáticas para  a acción de Goberno asinado por PSdeG-PSOE e polo BNG en xullo de 2005 comprometía a elaboración dunha lei para garantir a autonomía e o carácter de servizo público da CRTVG. O documento apuntaba que esta lei debería establecer o nomeamento do director xeral da compañía por maioría cualificada do Parlamento e garantiría o acceso dos distintos sectores e organizacións sociais galegas aos medios de comunicación públicos.
saltar ao pe de páxina