saltar ao contido

O presidente do Parlamento reivindica en Madrid unha “concepción solidaria" da autonomía galega, porque “queremos o mellor para o conxunto de España"



  • Inaugurou, na Casa de Galicia en Madrid, a exposición “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia /1981-2021"​
  • Lamenta o “manto de silencio que empeza a rodear a nosa transición e a consolidación da democracia"

     

Santiago, 15 de decembro de 2022.- A Casa de Galicia en Madrid amosa, desde hoxe, e ata o vindeiro 29 de xaneiro, a exposición “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia /1981-2021". A mostra foi inaugurada esta tarde polo presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices Vieira, quen subliñou o carácter itinerante da mostra, que comezou o seu percorrido hai una ano no Pazo do Hórreo para desprazarse despois ás principais cidades de  Galicia.

O titular do Lexislativo galego recordou que a conmemoración do 40 aniversario do Parlamento de Galicia  foi “intensa en actividades e extensa en percorrido". Ao seu xuízo unha programación destas características é necesaria por mor do “enorme descoñecemento que rodea a nosa historia contemporánea e, particularmente, polo manto de silencio que empeza a rodear a nosa transición e a consolidación da democracia".

Foi este, en opinión de Santalices, “un proceso pacífico, modélico e exitoso que deu paso a máis de catro décadas de democracia plena, de estabilidade e de benestar como nunca antes coñeceramos ao longo da nosa dilatada historia".

Para o presidente do Parlamento de Galicia, levar esta exposición a Madrid  era unha obriga na medida en que o éxito da descentralización territorial auspiciada pola Constitución española “non pode nin debe entenderse desde unha visión local". “Galicia -afirmou- forma parte do Estado das Autonomías, apostamos decididamente pola nosa autonomía, pero sempre desde e a lealdade institucional plena, sincera, aos poderes do Estado".

Concepción solidaria da autonomía

Abundando nesta idea, Santalices apuntou que “a autonomía implica tamén unha concepción solidaria. Queremos o mellor para Galicia, claro; pero o queremos tamén para Madrid e para o resto das Comunidades e cidades autónomas. Queremos o mellor para o conxunto de España".

Outra das razóns que animou ao Parlamento de Galicia a trasladar esta mostra a Madrid garda relación coa presencia dunha nutrida comunidade galega asentada nesta urbe. “Nin a Galicia actual, nin a dos nosos antepasados, pode entenderse sen a Galicia universal integrada polos galegos que residen fóra das nosas fronteiras xeográficas. Madrid é un bo exemplo diso, como acreditan os miles de madrigallegos asentados nesta cidade e nesta comunidade que nos recibe sempre cos brazos abertos", aseverou Santalices Vieira.

Lisboa e outros destinos da emigración galega

O presidente do Parlamento adiantou que unha vez que peche as súas portas en Madrid, esta exposición visitará Lisboa, comezando un percorrido por algunhas das cidades europeas, e seguramente latinoamericanas, con maior presenza da emigración galega.

A mostra “O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia /1981-2021" fai un percorrido polas catro décadas de vida do Lexislativo galego, ao tempo que inclúe materiais relacionados coa configuración

da autonomía galega. Foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, exreitor desta mesma universidade e expresidente do Consello da Cultura Galega. Acompañárono nesta nesta tarefa Miguel Anxo Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX). O deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.

Na inauguración desta tarde, o presidente do Parlamento foi precedido no uso da palabra polo comisario da mostra e polo director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Carlos Serrano López.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.



Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina