saltar ao contido

Declaración institucional de apoio a Ponte...nas ondas!

Coa presentación oficial conxunta en 2021, por parte dos gobernos de España e Portugal, da candidatura para a inscrición no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da Unesco, Ponte...nas ondas! ve recoñecido 27 anos de traballo e supón un aval a toda unha práctica educativa e cultural realizada desde os centros educativos. O seu labor é tamén coñecido pola iniciativa de promover a primeira candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués á UNESCO en 2004.
 
A práctica de, Ponte...nas ondas! ten sido empregada como un instrumento educativo fundamental para o coñecemento, a salvagarda, a transmisión e continuidade interxeracional do patrimonio cultural.
 
Ponte...nas ondas! identificou o conxunto do patrimonio común galego-portugués, por riba das fronteiras administrativas, antes mesmo da consideración do PCI por parte da UNESCO e da entrada en vigor da Convención para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial en 2003.
 
Ponte...nas ondas! levou o patrimonio cultural inmaterial ás aulas da Eurorrexión a través da práctica radiofónica e integrando ás persoas e comunidades portadoras do PCI nos programas de radio, no audiovisual e nas redes sociais, poñendo en valor e garantindo o coñecemento do patrimonio, así como a súa transmisión interxeracional e a súa preservación.
 
Ponte...nas ondas! ten colaborado con administracións, institucións e universidades galegas e portuguesas na procura de divulgar este patrimonio compartido e favorecendo o seu coñecemento e a súa identificación por parte da sociedade.
 
O traballo da asociación Ponte...nas ondas! ten contribuído á revalorización de prácticas e saberes que melloran o benestar e a calidade de vida das persoas e comunidades portadoras, dando visibilidade ao seu patrimonio e fomentando un desenvolvemento sustentable, con transferencia de saberes ás novas xeracións.
 
Unha organización que ten sido exemplar na identificación, recoñecemento, transmisión, educación patrimonial e dinamización das comunidades por medio dun patrimonio cultural inmaterial transnacional e transfronteirizo. Por esta traxectoria, a UNESCO acreditou a Ponte...nas ondas! como ONG consultora para o PCI en 2015, a única entidade en Galicia.
 
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia, agradece e recoñece o labor de Ponte...nas ondas! a prol da salvagarda do noso patrimonio inmaterial e apoia a inscrición do modelo Ponte...nas ondas! no rexistro das boas prácticas co PCI da UNESCO.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina