Procedementos de control e impulso
Programas e plans
Resolucións aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia na sesión do día 13 de setembro de 2022 relativas ao Plan estratéxico de Galicia 2022-2030
O Pleno do Parlamento de Galicia, na sesión do día 13 de setembro de 2022 aprobou as seguintes resolucións relativas ao Plan estratéxico de Galicia 2022-2030:
Resolución nº 1
«Desenvolver o Plan de prevención galego contra o suicidio e seguir a previr enfermidades mentais».
Aprobada por 56 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 26 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
Resolución nº 2
«Desenvolver as medidas necesarias para garantir un stock estratéxico de material e equipos de protección sanitarios, para facer fronte ás necesidades, así como un stock operativo que evite roturas de stock no caso de desabastecementos».
Aprobada por 56 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 28 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
Resolución nº 3
«Continuar a colaborar co sistema educativo para mellorar en materia de educación para a saúde, desenvolvendo unha acción conxunta para concienciar dende idades temperás da importancia de incorporar hábitos saudables».
Aprobada por 56 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 29 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
Resolución nº 4
«Fomentar a mobilidade sustentable e alternativa, promovendo a utilización do transporte público e colectivo, facéndoo máis atractivo, e potenciando a mobilidade eléctrica (despregando a infraestrutura de carga necesaria)».
Aprobada por 56 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 35 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
Resolución nº 5
«Impulsar a intermodalidade e a conexión entre diferentes modos de transporte (mellorar horarios, frecuencias e conexións, así como mellorar a accesibilidade ás estacións intermodais). Fomentar a coordinación necesaria entre as administracións competentes na execución das estacións intermodais, co fin de impulsar a finalización das que están en construción, e impulsar, se é o caso, as que estean en proxecto de planificación».
Aprobada por 56 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 41 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
Resolución nº 6
«Impulsar os procesos de xestión de subvencións para a implantación da recollida separada dos biorresiduos derivadas das transferencias estatais deste ano 2022 e seguir colaborando con todas as administracións para mellorar a xestión dos residuos municipais e acadar o cumprimento dos obxectivos europeos de xestión.
Seguir a colaborar coas distintas administracións públicas para mellorar o tratamento dos residuos, especialmente no eido da recollida separada».
Aprobada por 56 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 50 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
Resolución nº 7
«Fomentar unha senda de crecemento sostible no investimento en I+D por parte das administracións públicas en Galicia, incentivando ademais unha maior participación da iniciativa privada.
Adoptar as medidas necesarias para que o persoal investigador e o persoal de apoio á investigación poidan consolidar a súa carreira profesional estable e previsible, dun xeito equivalente á dos países máis avanzados.
Garantir o cambio xeracional e a atracción e retención de talento, así como garantir o principio de igualdade efectiva entre mulleres e homes».
Aprobada por 56 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 54 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
Resolución nº 8
«Impulsar que a RIS3 desenvolva un programa de reforzo dos sectores estratéxicos, co fin de aumentar a súa competitividade, reforzando a formación continua e a creación de axentes dinamizadores en innovación».
Aprobada por 56 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 57 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
Resolución nº 9
«Adaptar as tecnoloxías dixitais ás persoas con discapacidade e outros colectivos especialmente vulnerables, facilitando e estendendo o seu uso».
Aprobada por 56 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 60 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
Resolución nº 10
«Desenvolver un programa de conservación das vías autonómicas».
Aprobada por 56 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 80 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
Resolución nº 11
«Desenvolver na súa totalidade o Plan director de estradas de Galicia».
Aprobada por 56 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 81 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
Resolución nº 12
«Desenvolver medidas encamiñadas a impulsar un turismo de excelencia, sostible, rendible e en liña coas novas tecnoloxías existentes e futuras, acordadas co sector, cos actores económicos e coas administracións».
Aprobada por 56 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 111 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
Resolución nº 13
«Impulsar o uso do galego nas TIC e nas plataformas de redes sociais e contido audiovisual».
Aprobada por 56 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 154 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
Resolución nº 14
«Continuar a crear salas Gesell nos xulgados galegos, de xeito que estean presentes en polo menos nos xulgados das sete principais cidades galegas».
Aprobada por 56 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
(Resolución resultante da transacción entre o G.P. Popular de Galicia e o G.P. dos Socialistas de Galicia verbo da proposta de resolución núm. 177 do G.P. dos Socialistas de Galicia)
Resolución nº 15
«Impulsar medidas que avancen cara o aproveitamento dos metais secundarios a partir da recuperación e da reciclaxe».
Aprobada pola unanimidade dos 73 deputados e deputadas presentes.
Resolución nº 16
«Eliminar os TCA (tramos de concentración de accidentes) con investimentos apoiados en criterios técnicos e de seguridade».
Aprobada pola unanimidade dos 73 deputados e deputadas presentes.
Resolución nº 17
«Desenvolver os plans de ordenación dos recursos forestais, dando cumprimento ao establecido na Lei 7/2012».
Aprobada pola unanimidade dos 73 deputados e deputadas presentes.
Resolución nº 18
«Potenciar actuacións de forestación e silvicultura que, ademais de valorizar os produtos do monte, supoñan unha medida preventiva para diminuír o risco de incendios forestais. Mellorar a capacidade de absorción do sector forestal e fomentar os produtos madeireiros como depósitos de carbono».
Aprobada pola unanimidade dos 73 deputados e deputadas presentes.
Resolución nº 19
«Impulsar os aproveitamentos forestais en montes de xestión privada, coa habilitación de procedementos áxiles para a tramitación das autorizacións necesarias, así como para o cumprimento das obrigas en materia da legalidade da madeira e produtos baseados en madeira».
Aprobada pola unanimidade dos 73 deputados e deputadas presentes.
Resolución nº 20
«Elaborar e aprobar o I Plan de igualdade da Administración xeral da Xunta de Galicia».
Aprobada pola unanimidade dos 73 deputados e deputadas presentes.
Resolución nº 21
«O Parlamento de Galicia acorda a aprobación do Plan extratéxico de Galicia 2022-2030»
Aprobada por 41 votos a favor, 32 en contra e ningunha abstención.
Resolución nº 22
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a deseñar e poñer en marcha unha Estratexia galega para a economía azul, de xeito que cubra os sectores e industrias que están directamente apoiados no medio mariño ou costeiro, en liña coa decisión da Unión Europea e centrada na base das actividades marítimo-pesqueiras tradicionais, tendo como elemento clave a coordinación e compatibilidade con outras actividades e o equilibrio e sustentabilidade en termos ambientais, sociais e económicos».
Aprobada por 55 votos a favor, 18 en contra e ningunha abstención.
Resolución nº 23
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que, xa definida a proposta, lidere a revisión e reforma da Política Común de Pesca e todas as súas normas conexas, sinalando que un deseño adecuado da nova PPC ten que ser unha solución europea e europeísta que reforce a cohesión social e económica e que reforce a Unión. Esta proposta de reforma debe abordar, desde a cogobernanza co sector, os retos actuais para alcanzar unha pesca sustentable, equitativa e próspera para o futuro, sendo o maior reto garantir que o sector pesqueiro europeo poida traballar en igualdade de condicións, xa que é unha industria enormemente globalizada, e afianzar o carácter social desta actividade, acadando unha axeitada remuda xeracional».
Aprobada por 55 votos a favor, ningún en contra e 18 abstencións.
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2022
Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente