saltar ao contido

Valedor do Pobo, Consello de Contas e Consello da Cultura Galega reciben as medallas do Parlamento de Galicia 2022

• O Pazo do Hórreo acolleu esta mañá o acto de entrega das Medallas da Cámara
 
• Santalices subliñou que as tres institucións premiadas son “o complemento imprescindible para consolidar a arquitectura institucional da Comunidade e garantir o correcto funcionamento do sistema democrático”
 
• “Ao longo destes 40 anos, Galicia foi quen de erixir unha sólida estrutura normativa e institucional sobre a base da Constitución de 1978 e sobre o Estatuto de Autonomía de 1981”

Santiago, 6 de abril de 2022.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá o acto de entrega das Medallas da Cámara, que este ano recoñecen o labor das tres institucións estatutarias de Galicia:  Valedor do Pobo, Consello de Contas e Consello da Cultura Galega.
 
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou que “ao longo destes 40 anos de autonomía, Galicia foi quen de erixir una sólida estrutura normativa e institucional que non tería sido posible sen o traballo silencioso de homes e mulleres comprometidos coa democracia, coa autonomía e coa procura do ben común”.
 
Santalices subliñou que as tres institucións premiadas son “o complemento imprescindible para consolidar a arquitectura institucional da Comunidade e garantir o correcto funcionamento do sistema democrático”. E, engadiu, que o “Valedor do Pobo, o Consello de Contas e o Consello da Cultura Galega alzáronse, ano tras ano de traballo, de rigor e de entrega, en puntais básicos da autonomía galega, á que contribuíron e contribúen a consolidar cada xornada”.
 
O acto de entrega das Medallas celebrouse no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia e contou coa asistencia de numerosas autoridades, entre elas o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
 
As institucións estatutarias
 
O titular do Parlamento de Galicia gabou no acto de hoxe ás tres institucións premiadas, comezando co Valedor do Pobo. Santalices recordou a súa historia e as competencias que actualmente lle corresponden, sendo estas “a defensa dos dereitos fundamentais, individuais e colectivos, e das liberdades públicas” e “o comisionado autonómico de transparencia”. Santalices cualificou tales competencias “de capital transcendencia”.
 
O presidente tamén subliñou a relevancia do Consello de Contas, creado en 1985, e as responsabilidades atribuídas ao mesmo: “a fiscalización externa das contas e da xestión económico-financeira e contable dos ingresos e gastos da Administración autonómica” e a “prevención da corrupción”.
 
Santalices Vieira referiuse así mesmo ao Consello da Cultura Galega, órgano que, ao seu xuízo, “laborou con paixón na defensa e promoción dos valores culturais de Galicia, valores materiais e inmateriais que nos definen como pobo, e que temos o deber de preservar e promocionar, agora e sempre”.
 
Defensa decidida da democracia
 
Logo de referirse á guerra en Ucraína, o presidente do Parlamento mostrou o seu férreo compromiso cos valores e principios democráticos. “Realidades como a democracia plena, que garante dereitos e liberdades, o libre mercado, o respecto ás minorías e á diversidade, ou as prestacións do estado de benestar, conforman unha arela indestrutible, que xamais poderá borrarse, nin con bombas, nin con represión, nin con censura ningunha”.
 
O titular da Cámara galega subliñou que as tres institucións galardoadas son “o complemento imprescindible para garantir o correcto funcionamento do sistema democrático”. Tarefa que Santalices considera “misión cumprida”, “por termos edificado, a partir do pacto constitucional e co concurso de todos, unha democracia plena”. Non obstante, Santalices Vieira quixo tamén recordar que “non sempre fomos conscientes do privilexiados que somos e que fomos por vivir en paz e cunha calidade de vida que foi a máis xeración tras xeración”.
 
O acto foi conducido pola xornalista e escritora María Solar e contou coa actuación musical de Sheila Patricia e Gabi Reboredo.
 
Aniversario do Estatuto
 
A cerimonia de entrega das Medallas do Parlamento de Galicia celébrase cada 6 de abril, coincidindo co aniversario da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía, o 6 de abril de 1981. O titular do Parlamento sinalou que, “ao longo destes 40 anos, Galicia foi quen de erixir unha sólida estrutura normativa e institucional sobre a base, primeiro, da Constitución de 1978, e, despois, sobre o Estatuto de Autonomía de 1981”. Camiño este ao que contribuíron de forma decisiva o Valedor do Pobo, o Consello de Contas e o Consello da Cultura Galega, sendo a medalla –engadiu o presidente– “un recoñecemento, máis tamén un estímulo que os obriga –e non fai falta dicilo, porque os coñezo– a seguir mantendo ben alto o seu compromiso con Galicia e coas galegas e os galegos”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina