A presidenta do Parlamento leu públicamente as primeiras páxinas de “La Cabeza del Dragón” obra dramática de Valle Inclán dirixida ao público infantil e publicada hai 100 anos
• Escenifica o seu apoio e recoñecemento a Ramón María del Valle Inclán como unha das figuras máis sobranceiras da literatura galega e española do século XX
Santiago, 22 de outubro de 2010.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, iniciou esta mañá, coa súa participación, a xornada de Lectura Pública. 100 voces lembrando a Valle, que se celebra durante todo o día de hoxe na Casa Museo de Valle Inclán, en Vilanova de Arousa, no marco da semana cultural organizada para conmemorar o nacemento deste autor.
Pilar Rojo deu lectura pública ás primeiras páxinas de La Cabeza del Dragón, obra dramática de Valle Inclán dirixida ao público infantil e que foi publicada por vez primeira en 1910, hai 100 anos.
Ademais de Pilar Rojo, a xornada cultural contou coa participación do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán; o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Juan Durán, e de diferentes centros educativos da comarca, e continuará pola tarde con lecturas a cargo de distintas personalidades.
Ademais de La Cabeza del Dragón, na xornada deste ano tamén se efectuará a lectura pública de Cuento de Abril, publicado tamén en 1910.
Figura sobranceira das letras galegas e españolas
Coa súa participación neste acto cultural organizado en Vilanova de Arousa, a presidenta do Parlamento de Galicia quere escenificar o seu apoio e recoñecemento a Ramón María del Valle Inclán como unha das figuras máis sobranceiras da literatura galega e española do século XX.
Saúdos, Gabinete de Comunicación