saltar ao contido

Ditame emitido pola Comisión Permanente non Lexislativa para as Relacións co Consello de Contas, sobre o Informe de fiscalización das contas do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio 2007

Ditame emitido pola Comisión Permanente non Lexislativa para as Relacións co Consello de Contas, sobre o Informe de fiscalización das contas do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio 2007 (36716  08/ICON-0003) e propostas de resolución aprobadas
 
 
A Comisión Permanente non Lexislativa para as Relacións co Consello de Contas, na sesión do día  8 de outubro de 2010, á vista do Informe elaborado pola Ponencia , sobre o Informe de fiscalización das contas do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio 2007, de conformidade co disposto nos artigos 116 e seguintes do Regulamento do Parlamento de Galicia, aprobou o ditame e as propostas de resolución seguintes:

D I T A M E

 
"Apróbase a Conta Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao ano 2007."
PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN
Resolución núm. 1
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia ao cumprimento das recomendacións contidas no Informe de fiscalización emitido polo Consello de Contas, correspondente ao exercicio 2007.
 
Resolución núm. 2
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a buscar formas de colaboración entre o Consello de Contas e o Tribunal de Cuentas para facilitarlles a rendición de contas en galego aos organismos e entidades e evitar a duplicidade de obrigas que teñen na actualidade. Neste sentido, instase a que as contas rendidas ao Consello de Contas se fagan en galego e teñan efectos á propia presentación ao Tribunal de Cuentas.
 
Resolución núm. 3
O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia para que demande das deputacións provinciais unha mellora e reforzamento dos seus servizos de asesoramento e asistencia técnica, co obxecto de facilitar o cumprimento, por parte das corporacións locais, da rendición de contas xerais nos prazos legalmente establecidos.
 
Resolución núm. 4
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que continúe traballando na liña de anticipar a rendición da Conta Xeral da Comunidade Autónoma ao Consello de Contas de Galicia, coa finalidade de que este poida aproximar os Informes da Conta Xeral ao exercicio en curso; incluíndo para elo a posibilidade de reformar o prazo establecido no Texto Refundido da Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario de Galicia.
 
Resolución núm. 5
O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que informe anualmente ao Parlamento de Galicia, a través da correspondente comisión, das actuacións realizadas para facer o seguimento do cumprimento das recomendacións do Consello de Contas de Galicia.”
 
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2010
 
Pedro Puy Fraga 
Presidente da Comisión
 
Alfredo Suárez Canal
 Secretario en funcións da Comisión
  

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina