saltar ao contido

O Parlamento de Galicia convoca a cuarta edición do seu concurso escolar

• Está dirixido aos estudantes de todo o ensino obrigatorio e estrutúrase en tres modalidades
 
• Enmárcase na aposta para dar a coñecer o Parlamento entre os máis novos
Santiago, 10 de decembro de 2013.- O Parlamento de Galicia enviou este luns a todos os centros as bases da cuarta edición do seu concurso escolar que, baixo o lema “O Parlamento de Galicia contigo e polos teus dereitos”, busca a participación dos nenos e nenas escolarizados en calquera etapa do ensino obrigatorio na Comunidade Autónoma.
 
Ao igual que nas anteriores edicións, o concurso estrutúrase en tres modalidades, axustadas ás destrezas de cada grupo de participantes. A primeira delas, denominada “Imaxina a pintura” está orientada aos nenos de  educación infantil, de  1º, 2º e 3º de educación primaria e de educación especial.
 
Os alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º de secundaria poderán participar na modalidade “Escribe o teu conto”, mentres que os alumnos de 3º e 4º de educación secundaria poderán competir na modalidade “Exprésate”. Esta última é de expresión libre e permite concursar con calquera tipo de expresión creativa, como vídeo, fotografía, spot publicitario ou calquera outro relacionado coas tecnoloxías da información.
 
Traballos colectivos
Todos os traballos que participen neste concurso deberán ser colectivos  e elaborados por entre dous e cinco alumnas e alumnos. Cada clase só poderá presentar un traballo e cada colexio un máximo de cinco orixinais por modalidade. A selección efectuarase no propio centro.
 
Cada un dos gañadores recibirá como premio unha táboa dixital e un lote de libros, mentres que o grupo finalista será obsequiado cun MP5 e un lote de libros. A clase de cada un dos tres grupos gañadores recibirá como premio unha excursión de carácter educativo para visitar un lugar significativo de Galicia, mentres que o profesor ou profesora que supervisara o traballo gañador  recibirá unha táboa dixital. O centro educativo de cada un dos grupos ganadores recibirá 2.000 euros  para a organización de actividades extraescolares  ou da biblioteca do centro.
 
O xurado encargado de elixir aos gañadores deste concurso estará integrado polo membros da Mesa do Parlamento de Galicia ou polos deputados ou deputadas nos que deleguen, e por un ou unha docente proposto polo Parlamento de Galicia.
O prazo de entrega dos traballos que opten ao concurso escolar do Parlamento de Galicia rematará o 3 de marzo de 2014.
 
Achegar o Parlamento aos máis novos
O concurso escolar enmárcase na estratexia encamiñada a achegar o Parlamento de Galicia aos máis novos e forma  parte dunha aposta máis ampla que inclúe outras accións como os plenos infantís, as charlas-coloquio de exdeputados en centros de secundaria, o programa de visitas guiadas ao Parlamento, a edición de material bibliográfico dirixido aos escolares e, máis recentemente, a exposición “51 páxinas das letras galegas”, inaugurada a pasada semana e que en breve visitará diferentes puntos da Comunidade Autónoma.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina