saltar ao contido

O Parlamento de Galicia retoma o programa de charlas-coloquio para alumnos de ESO e bacharelato neste curso

• A Cámara está a organizar arredor de 30 actividades divulgativas coa participación de exdeputados das diferentes forzas políticas en centros educativos das catro provincias

Santiago, 8 de novembro de 2013.- O Parlamento de Galicia, coa colaboración da Asociación de Exdeputados da Cámara, volverá organizar durante o curso 2013-2014 un novo ciclo de charlas-coloquio en centros de ensino secundario para dar a coñecer a primeira institución da Comunidade entre o alumnado galego e divulgar os valores democráticos.
 
A Cámara galega recibiu xa unha trintena de solicitudes de outros tantos centros que imparten ESO e bacharelato na Comunidade Autónoma e que amosaron interese en acoller, durante o curso actual, unha charla-coloquio sobre o funcionamento do Parlamento de Galicia.
 
Estas charlas-coloquio, nas que participan exdeputados das diferentes forzas políticas, xurdiron na pasada lexislatura, ao conmemorarse o 30 aniversario da constitución co Parlamento de Galicia, co obxectivo de dar a coñecer a institución entre o estudantado galego. O éxito acadado pola iniciativa levou á presidenta da Cámara, Pilar Rojo, e á Asociación de Exdeputados a repetir a súa organización nos sucesivos cursos escolares.
 
Para estudantes de ESO e bacharelato
As charlas están dirixidas a estudantes de ESO e bacharelato da Comunidade Autónoma. Xeralmente, a actividade comeza co visionado dun vídeo sobre o Parlamento de Galicia, que da paso a cadansúa intervención dos exdeputados participantes, seguida dun coloquio coa participación dos alumnos que asisten á actividade.
 
Máis de 3.000 alumnos no pasado curso
No pasado curso escolar, o 2012-2013, o programa de charlas-coloquio chegou a un total de 23 centros de ensino e a máis de 3.000 alumnos de ESO e Bacharelato, cifra que o Parlamento de Galicia agarda se vexa incrementada na presente edición.
 
Os centros interesados en acoller unha actividade deste tipo poden solicitalo en calquera momento ao Parlamento de Galicia.
 
A celebración das charlas para estudantes de ESO e Bacharelato enmárcase na estratexia de divulgación do Parlamento de Galicia, que inclúe tamén un programa de visitas guiadas á institución, a edición dun libro sobre o Parlamento orientado especificamente ao estudantado galego, ou un concurso escolar, entre outras iniciativas.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do  Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina