• Pilar Rojo, presidenta da Cámara, considera que “é de xustiza” recoñecer o labor das Cortes gaditanas e daquela Carta Magna que “alumea o actual sistema democrático”
• Ademais dunha reprodución facsimilar da Constitución de 1812 e a súa tradución ao galego, o volume presentado hoxe inclúe un prólogo do presidente do Consello da Cultura galega e cadanseu estudo científico dos profesores Ramón Máiz e Roberto Blanco Valdés
Santiago, 9 de xaneiro de 2013.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía a presentación da Constitución de Cádiz de 1812 en lingua galega editada polo Consello da Cultura Galega.
A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, considera que a Constitución de Cádiz constitúe un “sólido punto de partida para o modelo parlamentario que, co decorrer do tempo, alumeará o actual sistema democrático”.
En opinión de Rojo Noguera, e pese á guerra que daquela se libraba contra o invasor francés, as Cortes gaditanas “fixeron unha aposta pola modernidade e ofreceron un texto que deixou unha relevante pegada no noso imaxinario colectivo”.
As bases co constitucionalismo moderno
Na súa intervención durante a presentación do volume, a presidenta do lexislativo galego referiuse aos principios da Constitución de 1812: “a soberanía nacional, a división de poderes, a igualdade, a representación, a liberdade”. Ao seu xuízo, “esta densidade de contido permitiulle ao documento de Cádiz sentar as bases dos modernos sistemas constitucionais que, xa no século XX, foron quen de avanzar cara a calidade democrática, o pluralismo e a participación”.
Contido
O volume presentado hoxe foi editado polo Consello da Cultura Galega co apoio da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Recolle unha reprodución facsimilar da Constitución de 1812 e a súa tradución ao galego, así como discurso preliminar lido nas Cortes ao presentar a Comisión de Constitución o proxecto dela.
O presidente do Consello da Cultura Galega é o autor do prólogo do libro, que inclúe tamén cadanseu estudo científico dos profesores Roberto L. Blanco Valdés (que versa sobre “A Constitución de 1812 e a primeira revolución liberal española”) e Ramón Máiz (titulado “Soño de Sombra: A idea de nación de Ambos os dous hemisferios e a Hidra do federalismo”). A obra complétase cun traballo de Lourdes Pérez, bibliotecaria da Universidade de Santiago de Compostela, sobre as fontes bibliográficas e hemerográficas existentes en Galicia sobre o período histórico estudado.
Superar unha carencia
Coa edición desta obra, que contribúe a conmemorar o 200 aniversario da Constitución de Cádiz, supérase tamén unha carencia, xa que, ata o de agora, non existía unha versión da Carta Magna de 1812 en lingua galega.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia