saltar ao contido

O Parlamento de Galicia descobrirá este venres unha placa conmemorativa no Pazo de Fonseca, segunda sede provisional do lexislativo galego

• O sábado 30 de xuño cúmprense 30 anos do traslado do Parlamento de Galicia desde a súa primeira sede provisional, o Pazo de Xelmírez, á segunda, o Pazo de Fonseca, onde estivo ubicado durante máis de 6 anos
 
Santiago, 28 de xuño de 2012.- No epílogo dos actos organizados para conmemorar o 30 aniversario do Parlamento de Galicia, a Cámara autonómica descubrirá mañá venres, 29 de xuño, unha praca no Pazo de Fonseca para conmemorar as tres décadas transcorridas desde a celebración do primeiro Pleno da Cámara neste lugar.
 
O sábado 30 de xuño cúmprense 30 anos do traslado da sede provisional do Parlamento de Galicia desde o Pazo de Xelmírez, onde tivo lugar a sesión constitutiva, o 19 de decembro de 1981, ata a sede provisoria de Fonseca, na que a Cámara galega estivo ubicada ata o 21 de febreiro de 1989.
 
Con este acto, a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, quere testemuñar o agradecemento da Cámara á Universidade de Santiago de Compostela, como anfitriona do poder lexislativo galego durante máis de seis anos, ata que entrou en servizo a sede definitiva, e actual, do Pazo do Hórreo.
 
O acto contará coa participación do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long. Tamén confirmaron a súa asistencia deputados que formaron parte da primeira e segunda lexislatura do Parlamento de Galicia; os expresidentes da Xunta Fernández Albor e González Laxe, o expresidente do Parlamento Pérez Vidal, así como os actuais portavoces e membros da Mesa da Cámara.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina