• O vicepresidente primeiro do Parlamento presidiu este mediodía o Pleno de Aldeas Infantiles
• Miguel Santalices destacou que “só cuns alicerces fortes, seredes cidadáns responsables e comprometidos”
• Os centros participantes foron o CEIP Bibei, de Viana do Bolo (Ourense), o Colexio Monterrey, de Vigo (Pontevedra), o Colexio Galén (Lugo) e o CPI A Picota, de Mazaricos (A Coruña)
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2012.- O hemiciclo do Parlamento de Galicia acolleu este mediodía un pleno infantil organizado no marco do programa “Os valores desde Aldeas Infantiles SOS”. A iniciativa “Deputados por un día” reuniu no Pazo do Parlamento a escolares de Primaria de Ourense, Pontevedra, Lugo e A Coruña.
O obxectivo desta iniciativa é fomentar entre os participantes os valores da paciencia, a escoita e a sostenibilidade, principios nos que traballaron ao longo do vixente curso e nos que basearon as súas intervencións deste mediodía.
O vicepresidente primeiro do Parlamento, Miguel Santalices Vieira, abriu a sesión facendo una especial mención a este proxecto educativo enriquecedor e invitando aos rapaces a participar libremente, “dende o respecto” ao estar “na institución axeitada para facelo”. “O Parlamento é a voz do pobo”, engadiu.
Santalices destacou tamén que os valores da paciencia, a escoita e a sotibilidade “estiveron presentes e foron esenciais” para a consolidación do Parlamento de Galicia dende os seus comezos. “Ademais son premisas coas que traballamos hoxe en día todos os que temos a honra de representar a Galicia aquí, no Parlamento”, declarou ante os escolares que asistiron á sesión.
Animando aos máis pequenos para que continúen traballando nos valores propostos por Aldeas Infantiles nesta iniciativa engadiu que “só así, cuns alicerces fortes, seredes cidadáns responsables e comprometidos”
Finalmente, o vicepresidente primeiro fixo unha mención especial a Rita Regojo, fundadora de Aldeas Infantiles de Galicia.
Participantes
A sesión plenaria infantil celebrada hoxe na sede do Parlamento de Galicia contou tamén coa intervención da presidenta de Aldeas Infantiles, Rosa María Freire Pichin; e dos voceiros dos colexios Bibei, de Viana do Bolo, Ourense; Monterrey, Pontevedra; Galén, de Lugo e A Picota, de Mazaricos, A Coruña.
Tamén interviron nesta sesión plenaria voceiros dos tres grupos con representación parlamentaria. Ana Luísa Bouza Santiago, viceportavoz do Grupo do BNG; Beatriz Sestayo Doce, do Grupo Socialista; e María Teresa Villaverde Pais, do Grupo Popular. O director xeral de centros e recursos humanos da Consellería de Educación, José Manuel Pinal Rodríguez, tamén asistiu ao pleno desta mañá.