saltar ao contido

Santalices expresa o apoio do Parlamento de Galicia aos valores impulsados pola Campaña Mundial pola Educación

06/06/2023

 

 

  • A Cámara galega acolleu un pleno infanto-xuvenil no marco das actividades de sensibilización desta campaña

 

 

 

Santiago, 6 de xuño de 2023.- O Parlamento de Galicia celebrou este mediodía un pleno infanto-xuvenil organizado coa colaboración da coalición española da Campaña Mundial pola Educación no marco das súas iniciativas de sensibilización.

 

O acto contou coa intervención de alumnado pertencente aos seguintes centros: CEIP Labarta Pose, CEIP Víctor Sáenz, CDR O Viso, CEIP Plurilingüe de Bragade, CPI Virxe de Cela, IES Marco do Camballón, IES Santo Alberto, CPR San José, CEIP Milladoiro, Casas da Xuventude de Oleiros e Universidade de Santiago de Compostela.

 

Na súa intervención, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, sinalou que actividades como a de hoxe teñen prioridade na programación da actividade social da institución, ao tempo que expresou o apoio do Lexislativo galego aos valores e principios impulsados pola Campaña Mundial pola Educación.

 

A xuízo de Santalices, apostar pola igualdade de xénero, introducir a crise climática nos programas educativos, priorizar o investimento educativo, reducir as fendas de xénero ou ofrecer cobertura aos menores en situación de vulnerabilidade son, entre outros, obxectivos compartidos por todas as persoas de boa vontade.

 

Santalices congratulouse da capacidade oratoria do alumnado participante nesta actividade, o que significa que “hai canteira" de futuros deputados e deputadas.

 

 

 

O valor do esforzo

 

Dirixíndose ao estudantado, o presidente do Parlamento de Galicia animounos a valorar os recursos educativos que teñen aos seu dispor. “Sen embargo, hai algo que só vós podedes facer: o voso esforzo" porque “non hai nada máis importante que a educación e o esforzo".

 

No Pleno interviñeron tamén a representante da Campaña Mundial pola Educación, Mónica Viqueira Martínez; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Roman Rodríguez González; e as deputadas Noelia Otero Lago (PSdeG-PSOE), Mercedes Queixas Zas (BNG) e Marisol Díaz Mouteira (PPdeG).

 

O acto rematou cunha foto de familia na escaleira exterior do Parlamento de Galicia.  

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina