saltar ao contido

Santalices subliña o “compromiso galeguista, maxisterio e servizo á cultura galega” de Carballo Calero

Carballo Calero 05/07/2021

 
• O presidente do Parlamento de Galicia inaugurou esta tarde en Ferrol unha exposición bibliográfica e documental organizada pola Cámara galega para honrar a Carballo Calero
 
• A mostra pode visitarse na sala de exposicións de Afundación ata o 24 de xullo
 
Santiago, 5 de xullo de 2021.- A sala de exposicións de Afundación de Ferrol acolle desde esta tarde unha mostra bibliográfica e documental sobre Ricardo Carballo Calero, organizada polo Parlamento de Galicia no marco da celebración do Día das Letras de 2020 dedicado ao autor ferrolán e amosada ata o de agora no Pazo do Hórreo.
 
Na inauguración, o presidente do Parlamento de Galicia subliñou que a cultura e as institucións galegas están en débeda con Carballo Calero “polo seu compromiso galeguista, polo seu maxisterio e polo servizo que prestou, durante toda a súa vida, á nosa cultura e á nosa lingua”.
 
O Parlamento de Galicia alberga, desde o ano 1997, a biblioteca persoal e o fondo documental e epistolar de Carballo Calero. Ao mesmo tempo, Carballo Calero, xunto con Lois Tobío, encargouse de dar forma ao Anteproxecto de Estatuto do Seminario Galego de 1931, a partir dun traballo colectivo no que tomaron parte personalidades como Bóveda, Paz Andrade ou Risco.
 
Iniciativas do Parlamento
 
Con estes antecedentes, coincidindo co ano dedicado a Carballo Calero, o Parlamento de Galicia impulsou iniciativas como a exposición que agora chega a Ferrol, onde permanecerá ata o vindeiro 24 de xullo; a edición do libro Ricardo Carvalho Calero, orador. Discursos e leccións, obra de Pilar García Negro, tamén comisaria da mostra; e o copatrocinio da publicación que reúne o epistolario de Carballo Calero e Otero Pedrayo.
 
Rigor intelectual exento de vaidade
 
Santalices explicou que a mostra “recala arestora en Ferrol como homenaxe póstuma a Don Ricardo ao carón da súa veciñanza”. Explicou que esta “era unha débeda con Don Ricardo e con Ferrol que hoxe saldamos, coa satisfacción de honrar na súa terra a un ferrolán bo e xeneroso que consumiu a súa vida servindo a Galicia cun traballo intelectual tan rebosante de rigor como falto de vaidade persoal”.
 
A exposición está integrada por medio cento de libros e máis dunha vintena de documentos entre os que se inclúen o carné de socio do Seminario de Estudos Galegos e dúas cartas de Otero Pedrayo, entre outro material pertencente ao arquivo de Carballo Calero, depositado no Parlamento de Galicia xunto coa súa biblioteca.
 
O acto inaugural foi conducido pola xornalista Xulia Díaz e contou, ademais, coas intervencións do  director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar; unha das fillas do homenaxeado, Victoria Carballo-Calero Ramos; a comisaria da mostra, María Pilar García Negro; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e o director xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina