saltar ao contido

Santalices convida empresas e institucións e impulsar a doazón de conservas aos bancos de alimentos

ANFACO-CECOPESCA 07/05/2021

• Participou en Vigo no acto de entrega das medallas de ANFACO-CECOPESCA 2021
 
• Cinco das mulleres galardoadas comezaron a traballar no sector entre 1972 e 1975, cando estaba a piques de comezar a transición democrática da que se deriva “a maior etapa de estabilidade, crecemento económico e prosperidade social nunca antes coñecida en España e en Galicia”

Santiago, 7 de maio de 2021.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía en Vigo no acto de entrega das Medallas de ANFACO-CECOPESCA deste ano, onde tivo ocasión de entregar o galardón correspondente ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europa do Goberno galego, Jesús Gamallo.
 
Na quenda de intervencións, Santalices recordou que a pandemia derivada da covid-19 presenta diferentes facianas, cunha crise sanitaria, pero tamén de carácter económico e social, que se manifesta en situacións de necesidade como as que atenden os bancos de alimentos  e outras entidades semellantes coas que  o Parlamento de Galicia colabora desde hai varios anos,  reducindo outras partidas.
 
Elevadas propiedades nutricionais
 
“Do contacto frecuente con estas institucións –agregou Santalices Vieira- chéganos unha demanda reiterada: a de poder ofrecer alimentos non perecedoiros e con elevadas propiedades nutricionais, características definitorias das conservas que elaboran as empresas que forman parte de ANFACO-CECOPECA”.
 
O presidente da Cámara apuntou que así como o pasado Nadal, Xunta e Parlamento impulsaron unha campaña orientada a subministrar produtos de Mercaproximidade aos bancos de alimentos, “poño sobre a mesa a posibilidade de realizar unha iniciativa solidaria incorporando as conservas”.
 
Transición modélica
 
O feito de que as cinco mulleres galardoadas con cadansúa medalla de ANFACO-CECOPESCA comezaran a traballar no sector entre os anos 1972 e 1975, ao final da ditadura que deu paso á transición democrática española, levou a Santalices a reflexionar sobre o que considerou un “proceso realmente modélico” do que se deriva “a maior etapa de estabilidade, crecemento económico e prosperidade social nunca antes coñecida en España e en Galicia”.
 
Lembrou que estes días se está a celebrar o 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia que converteu á Comunidade nun dos territorios con maior capacidade de autogoberno de Europa. Sinalou que Galicia “é un modelo de bo facer na xestión cotiá, de estabilidade e lealdade institucional respecto ás demais administracións e poderes do Estado.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina