saltar ao contido

Noticia

Logotipo do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia

Gonzalo Caballero urxe a Feijóo a "liderar un gran acordo industrial" para afrontar a "nova revolución industrial" en Galicia

15/11/2021

O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, instou hoxe ao presidente da Xunta a “liderar un gran acordo industrial” en Galicia que permita afrontar con garantías a “nova revolución industrial” en Galicia. O responsable socialista sinaloulle a Feijóo que “é hora de que a Xunta exerza as súas competencias e esperte do letargo industrial”, en resposta ao encontro do presidente galego coa ministra de Industria.

Gonzalo Caballero apuntou que o presidente da Xunta debe ofrecer respostas aos desafíos da transición enerxética e aos problemas do tecido industrial de Galicia, e emprazou ao goberno galego a utilizar os fondos da UE para modernizar a industria do país e garantir o “impulso a un novo modelo para Galicia”.

Para iso, explicou, a Xunta debe comezar a empregar as súas competencias en materia de política industrial para encabezar un novo escenario acadando “sinerxias coas distintas administracións” que operan no territorio autonómico, incluíndo o imprescindible entendemento co goberno central, buscando ademais o “acordo cos axentes industriais” e o “diálogo coas empresas” do sector.

Caballero emprazou ao goberno galego a “darlle resposta á Galicia do futuro”, sinaladamente nas zonas máis afectadas pola crise industrial, como é o caso da Mariña, coa ameaza sobre os traballadores das factorías de Vestas en Ribadeo ou Alcoa en San Cibrao. É o caso tamén de Ferrolterra, o sector naval ou a situación de Ence, na Ría de Pontevedra.

Subliñou a “man tendida” dos socialistas galegos para solucionar os problemas da industria galega, aos que lles concedeu “máxima prioridade” como eixo do reforzo económico de Galicia para “facer fronte aos problemas de futuro”.

Sanidade

Gonzalo Caballero fixo unha valoración positiva da manifestación celebrada onte en Santiago de Compostela en defensa da sanidade pública fronte aos recortes aplicados polo goberno galego, que ten debilitado á Atención Primaria ata niveis inasumibles. Caballero criticou que o presidente da Xunta se amose “preocupado por unha posible sexta onda da covid” mentres recorta os orzamentos para Atención Primaria e saúde pública.

Lembrou que precisamente na Atención Primaria hai actualmente 51 prazas profesionais sen cubrir, e o goberno galego deixa sen renovar o contrato a máis de 500 profesionais da sanidade pública contratados como reforzo para a covid. Precisamente, dixo, cando se anticipan “centos de xubilacións de profesionais” nos próximos anos.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina