saltar ao contido

Santalices intercambia experiencias de xestión parlamentaria con responsables da Lexislatura da Cidade Autónoma de Buenos Aires

13/12/2023

  • Agradece as oportunidades que Arxentina brindou á colonia galega, facilitando a súa plena integración no país

 

  • O titular do lexislativo galego inaugura esta tarde  na capital arxentina a exposición “El poder de la palabra. Un recorrido por la historia del Parlamento de Galicia"

 

Santiago, 12 de decembro de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Migue Ángel Santalices Vieira, mantivo este martes un encontro de traballo cunha delegación de deputadas e deputados da Lexislatura da Cidade Autónoma de Buenos Aires, cos que intercambiou experiencia de xestión parlamentaria e sobre o funcionamento das cámaras.

 

No encontro participaron, entre outros integrantes da Lexislatura Porteña -integrada por 60 deputados e deputadas- o vicepresidente primeiro, Matías Damián López; o subsecretario de Fortalecemento e Intercambio Institucional, Pablo Garzonio; e maila deputada María Cecilia Ferrero.

 

Santalices explicou o funcionamento do Parlamento de Galicia, subliñando que é unha das Cámaras autonómicas máis activas de España, ao tempo que compartiu cos seus interlocutores a boa acollida que están a recibir iniciativas como os diferentes programas de visitas guiadas á sede do Parlamento de Galicia, as charlas divulgativas impartidas por ex deputados/as en centros educativos ou as medidas impulsadas para favorecer a participación cidadá.

 

Buenos Aires, cidade de referencia para os galegos

 

O presidente do Paramento de Galicia tivo tamén verbas de afecto para os vínculos que unen Galicia coa República Arxentina. Para Santalices, a Galicia exterior, que ten en Buenos Aires unha cidade de referencia, está presente en todas as realidades da Galicia contemporánea, en ámbitos tan diversos como o económico, cultural, político, académico ou familiar. Ata tal punto é así que “resulta cese imposible atopar unha familia galega sen vínculos coa diáspora".

 

Recordou tamén que Buenos Aires está presente no imaxinario colectivo de Galicia, forxado a partir do impacto que a cidade causaba sobre os emigrantes galegos cando chegaban por vez primeira á capital porteña. “Os nosos paisanos, que outrora deixaban atrás unha Galicia  empobrecida, quedaban asombrados polos avances e a prosperidade que atopaban nesta capital, unha modernidade que apenas podían imaxinar nos seus lugares de orixe", apuntou. Agradeceu as oportunidades que Arxentina brindou á colonia galega, facilitando a súa plena integración no país.

 

Exposición sobre a historia do Parlamento de Galicia

 

Santalices Vieira inaugurará esta tarde (noite en Galicia) a exposición “El poder de la palabra. Un recorrido por la historia del Parlamento de Galicia", que quedará aberta ao público na sede do Centro Galicia de Buenos Aires. O acto contara tamén coa intervención do comisario da mostra, Ramón Villares; o presidente do Centro Galicia, Jesús Mosquera; e a  embaixadora de España en Arxentina, María Jesús Alonso.

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.​


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina