saltar ao contido

Santalices destaca o talento creativo e o indiscutible selo galego reflectidos nas viñetas de Siro Lopez

06/02/2025

 

Santalices destaca o talento creativo e o indiscutible selo galego reflectidos nas viñetas de Siro Lopez

 

  • A sede de Afundación acolle en A Coruña a exposición na que se mostran 230 dos debuxos nos que durante anos plasmou a actualidade política de Galicia

 

  • Esta escolma dos orixinais doados polo artista ao Parlamento exponse por primeira vez fora das instalacións da Cámara

 

 

Santiago, 6 de febreiro de 2025.- O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurou hoxe a exposición 40 anos de Autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro na que se integra unha escolma dos case 1.600 orixinais doados polo autor ao Lexislativo autonómico e que foron publicados no xornal La Voz de Galicia case a diario  durante máis de vinte anos.

 

Na súa intervención, o xefe do Lexislativo autonómico destacou o talento creativo e retranca coa que Siro López comentaba a actualidade converténdose en digno herdeiro dunha extensa nómina de artistas de indiscutible selo galego.

 

Santalices relacionou as viñetas que forman parte da exposición cun xénero xornalístico por si propias, nas cales o seu autor emprega a caricatura para deseñar a actualidade, do mesmo modo en que o faría un articulista na súa columna de opinión.

 

 

Exposición

 

A mostra, que conta coa colaboración do Parlamento de Galicia, La Voz de Galicia e Afundación, reúne unha selección de 230 viñetas políticas nas que se lembran varios momentos de  transcendencia

política en Galicia e os seus protagonistas xunto coas páxinas do xornal no que apareceron publicadas. Exporanse ademais pezas relativas á primeira lexislatura autonómica e unha ducia de debuxos inéditos sobre os últimos anos da política galega.

 

A exposición quedará aberta ao público na Sede Afundación da Coruña ata o vindeiro 15 de marzo, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 h, e os sábados e festivos, de 12.00 h. a 14.00 h.  e de 17.30 h. a 20.30 h. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

​ 


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina