14/06/2023
Santiago, 14-06-2023.- O Parlamento de Galicia alberga desde esta tarde a exposición titulada “A forza da palabra. Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983-2023)", organizada pola Xunta para conmemorar ao 20 aniversario da norma.
Na inauguración -celebrada na Biblioteca da Cámara-, o presidente do Parlamento autonómico, Miguel Ángel Santalices Vieira, apuntou que a de Normalización Lingüística, “non é unha lei máis, senón que se enmarca no que con xustiza poderiamos denominar leis fundacionais da autonomía galega".
Santalices expresou a “profunda admiración, respecto e agradecemento" que merecen cada uns 71 integrantes daquel primeiro Parlamento de Galicia. Referíndose a eles, afirmou: “Moitas grazas por espetaren os alicerces que fixeron posible que o galego deixase de ser unha lingua subalterna e convertela en lingua de uso normal, cooficial canda o castelán; unha lingua que prestixian decote os nosos intelectuais, os artistas e a xente anónima. Unha lingua aínda necesitada de estímulos, certo, pero unha lingua normalizada".
Recordou que de todas as comunidades bilingües de España, o Parlamento de Galicia é a única cámara que nas últimas lexislaturas utiliza case exclusivamente unha das dúas linguas oficiais, o galego.
“Esta realidade é consecuencia -apuntou Santalices- dunha decisión voluntaria das deputadas e deputados desta Cámara, da actual e das anteriores lexislaturas, sen imposicións de ningunha caste. Froito do seu amor á nosa lingua e do seu compromiso coa súa normalización".
O titular do Lexislativo galego aproveitou a súa intervención para animar a “tomar conciencia do potencial da nosa condición de comunidade bilingüe e actuar en consecuencia en todos os ámbitos, tamén no persoal e no profesional". Sinalou que o dominio do galego e do castelán abre as portas a un universo de máis de 850 persoas en todo o mundo: 595 millóns de usuarios potenciais do castelán e 260 millóns de persoas do universo lusófono.
Didáctica da lingua
Santalices puxo tamén o acento na importancia da didáctica da lingua galega, de maneira que os máis novos “aprendan lingua, gramática ou literatura galegas pero tamén tomen conciencia, se encariñen co noso idioma e o utilicen decote na súa vida cotiá, porque lle sae de dentro con naturalidade". Abundando nesta idea, subliñou que “poucas persoas poden facer tanto polo galego como un mestre entregado a esta causa".
Parafraseando unha intervención parlamentaria de Carlos Casares, Santalices concluíu que “poucas causas son máis nobres e máis fermosas cá defensa dunha lingua".
O presidente do Parlamento de Galicia foi precedido, no uso da palabra, polo comisario da exposición, Henrique Monteagudo; e polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta, Román Rodríguez, como responsable do departamento impulsor da mostra.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.