10/06/2023
Santiago, 10 de xuño de 2013.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía en Santiago na Asemblea da Irmandade Xurídica Galega, onde se amosou orgulloso dos avances rexistrados en materia de normalización lingüística, particularmente no ámbito xurídico, “que ata hai ben pouco tempo estaba castelanizado practicamente ao cen por cento".
Para Santalices, a Constitución e o Estatuto de Autonomía “teñen moito que ver", tamén en materia de normalización, “porque sen democracia e sen autonomía practicamente nada tería sido posible". “A lingua galega -afirmou- é, por riba de calquera outra realidade, o noso principal feito diferencial e como tal, coa chegada da democracia, axiña foi dotada dos instrumentos normativos necesarios para garantir a súa protección xurídica".
O presidente da Cámara galega recordou que en breve se celebrará o 40 aniversario da Lei de Normalización Lingüística de Galicia, “unha das primeiras normas aprobadas polo Parlamento de Galicia; aprobada por unanimidade grazas ás achegas de moita xente; de galegas e galegos comprometidos que foron quen de antepoñer o interese supremo de Galicia fronte a cuestións menores".
A xuízo de Santalices, “aquela altura de miras, que con frecuencia se traducía en transaccións e acordos de todo tipo para sentar as bases dunha autonomía na que todo estaba por facer, continúa a ser, nos nosos días, un exemplo de bo facer e sempre fonte de inspiración que fariamos ben en copiar; polo ben de Galicia e das súas institucións, pero sobre todo na procura do mellor para a nosa xente".
Saúdos, Gabinete de Comunicación.