15/05/2023
Denominar Álvaro Cunqueiro ao Hospital de Vigo “fai xustiza a un home que dedicou a súa vida a Galicia e á literatura", recorda Santalices
Santiago, 12 de maio de 2023.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, foi encargado de presentar, esta tarde na sede Afundación de Vigo, a conferencia do Dr. Eiros Bouza titulada “A medicina na obra literaria de Álvaro Cunqueiro", coa que se inaugurou a XVII edición do Curso de Avances en Infección VIH e Hepatite Vírica.
Santalices explicou que na política hai sensabores, pero tamén satisfaccións coma a proposta para denominar Álvaro Cunqueiro o Hospital Público de Vigo, proposta que el impulsou no seu momento desde o Parlamento de Galicia. “Era unha proposta que facía xustiza a un home que dedicou a súa vida a Galicia, á literatura e ao xornalismo", aseverou.
“Pero era tamén -agregou Santalices- un recoñecemento necesario a un home que compartiu, cultivou e plasmou nalgunha das súa sobras, o interese pola cultura e unha especial habilidade por achegarse á alma humana co obxectivo último de entendela".
Un home autonomista
O titular da Cámara galega recordou o compromiso autonomista de Cunqueiro, falecido hai pouco máis de 40 anos, xusto cando a autonomía daba os seus primeiros pasos.
“A autonomía permitiunos avanzar a pasos axigantados, tamén na medicina", apuntou Santalices, antes de recordar que, outrora, compoñedores e menciñeiros ofrecían os seus servizos por toda Galicia. “Ben seguro que na botica mindoniense do seu pai, o mozo Cunqueiro atopou inspiración e exemplos" para a súa célebre obra Escola de menciñeiros, concluíu o presidente do Lexislativo galego.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.