saltar ao contido

Santalices: “Xuntos, galegos e portugueses, somos máis e somos mellores"

05/04/2023

Santalices: “Xuntos, galegos e portugueses, somos máis e somos mellores"

 

  • O Parlamento de Galicia entregou a Medalla da Cámara á cooperación transfronteiriza entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal, unha iniciativa pioneira, pola súa eficacia, pero tamén pola lealdade institucional que a caracteriza respecto aos restantes poderes públicos

 

  • O presidente do Parlamento apunta a renovación da conexión ferroviaria entre Galicia e Portugal como un dos retos de futuro para “para impulsar o crecemento, atraer investimento e facilitar o movemento de persoas e mercadorías nunha sociedade que superou definitivamente os modelos centrípetos do pasado"

     
  • “Sirva esta medalla como acicate para continuarmos traballando coa mesma intensidade e afrontarmos con éxito estes e outros retos"

 

Santiago, 4 de abril de 2023.- O presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento da Rexión Norte de Portural, Antonio Cunha, recibiu este mediodía, na súa condición de presidente rotatorio da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, a Medalla do Parlamento de Galicia 2023, outorgada por acordo unánime da Mesa da Cámara á cooperación transfronteiriza entre os dous territorios.

 

Na súa intervención, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recordou que galegos e portugueses “compartimos lazos históricos, culturais e familiares", vínculos sobre os que se asenta a cooperación interrexional hoxe galardoada. “Xuntos, galegos e portugueses, somos máis e somos mellores", enfatizou.

 

A imposición da Medalla do Parlamento de Galicia á cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal recoñece solemnemente por parte da primeira institución da Comunidade o acerto daquela iniciativa, rubricada oficialmente en outubro de 1991 e que, canalizando outras sinerxías previas, fixo realidade a Comunidade de Traballo que opera deste entón.

 

Lembrou Santalices  que “a intervención de dous homes de Estado (Manuel Fraga e Mario Soares) resultou providencial para superar o desencontro" inicial, derivado das reticencias do Goberno central español respecto ao modelo de cooperación que se pretendía impulsar.

 

O titular do lexislativo galego agradeceu a unaminidade da Mesa da Cámara á hora de conceder a Medalla, simbolizando así a “importancia capital que os galegos outorgamos ás relacións con Portugal, alén das lexítimas diferenzas ideolóxicas ou programáticas que podan afastarnos noutros ámbitos".

 

Lealdade institucional

 

Referíndose ao papel da Comunidade de Traballo, o presidente do Parlamento  apuntou que se trata dunha fórmula “pioneira -en España, en Portugal e en Europa- no ámbito da cooperación territorial, pola súa eficacia, pero tamén pola exemplar lealdade institucional que caracteriza o seu proceder respecto aos restantes poderes públicos, e moi particularmente verbo dos gobernos centrais con sede en Madrid e Lisboa".

 

Do mesmo xeito que a cooperación se traduciu en avances notables en diferentes ámbitos, poñendo a disposición da cidadanía novos e mellores servizos públicos, cómpre agora tomar impulso para afrontarmos con garantías os novos retos, agregou.

 

Conexión ferroviaria

 

Puxo como exemplo Santalices, a necesidade de renovar a conexión ferroviaria entre Galicia e Portugal, “como reiteradamente ten demandado este Parlamento, para impulsar o crecemento económico, atraer investimento foráneo e animar e facilitar o movemento de persoas e mercadorías nunha sociedade e unha economía  que, malia a visión miope duns poucos, superou definitivamente os modelos centrípetos do pasado".

 

Para Santalices, a cooperación interrexional Galicia-Norte de Portugal “percorreu sendas ignotas" no marco das políticas comunitarias que “derruban fronteiras, tenden pontes entre os pobos, consolidan dereitos e incrementan o benestar da cidadanía". Ao seu xuízo, “nada disto tería sido posible sen o horizonte de paz que a unificación europea abriu para os seus integrantes. Porque primeiro tivemos paz e despois veu a cooperación".

 

O titular da Cámara galega tivo unha lembranza para o pobo ucraíno, “brutalmente agredido polos seus veciños, sen máis delito que o de aspirar a vivir en paz, liberdade e democracia, fóra do xugo opresor do que conseguiran librarse décadas atrás".

 

A riqueza do idioma

 

O presidente do Parlamento recordou a intercomprensibilidade dos idiomas galegos e portugués, “unha regalía que nos abre a porta, aos galegos, a universo lusófono, integrado por 250 millóns de persoas". Aproveitar ese potencial é un dos obxectivos da lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade na Cámara galega".

 

“Sirva esta medalla -afirmou Santalices, para rematar o seu discurso- como acicate para continuarmos traballando coa mesma intensidade e afrontarmos con éxito estes e outros retos que, sen dúbida, seremos quen de levar a bo porto, sexa no ámbito ferroviario, no da lusofonía u en calquera outro".

 

O acto de entrega da Medallas celebrouse no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia e contou tamén coas intervencións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, e do vicepresidente da Asemblea da República de Portugal, Adão José Fonseca da Silva. A actuación musical, con interpretacións en galego, portugués e castelán, correu a cargo de Antonio Zambujo e Uxía, acompañados por Xosé Manuel Budiño (frauta e gaita) e Sergio Tannus (guitarra).

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina