saltar ao contido

Santalices: “manter vivo o legado de Rosalía é responsabilidade de todos"

22/02/2023

 

 

  • O Parlamento de Galicia acolleu un acto de homenaxe á escritora na que representantes dos tres grupos parlamentarios leron fragmentos da obra rosaliana

 

 

Santiago, 22 de febreiro de 2023.- Na véspera do aniversario de Rosalía de Castro, o Parlamento de Galicia acolleu unha homenaxe na que representantes dos tres grupos parlamentarios deron lectura a cadanseu fragmento de textos rosalianos.

 

O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, foi o encargado de clausurar o acto recordando que “a mellor homenaxe que podemos dedicar a Rosalía de Castro ou a calquera outro escritor é relermos a súa obra".

 

Santalices Vieira reiterou o “compromiso e a vocación rosaliana" do Parlamento de Galicia e apuntou, dirixíndose ao presidente do Padroado da Fundación Rosalía de Castro, que “poden contar connosco na nobre tarefa de inmortalizar o legado literario e espiritual da nosa poeta universal".

 

A xuízo de Santalices, unha das claves da vixencia da obra rosaliana explícase pola súa condición de “poeta universal, mais firmemente ancorada no corazón das galegas e dos galegos de hoxe, de onte e de sempre". Por iso, “mantermos vivo o seu legado é unha responsabilidade compartida, da que todos somos partícipes".

 

O titular do Parlamento de Galicia lembrou tamén que o Día das Letras Galegas (dedicado este ano a Francisco Fernández del Riego) se celebrou por vez primeira en 1963, para honrar a figura de Rosalía de Castro coincidindo co centenario de Cantares Gallegos. A celebración fora proposta precisamente por Francisco Fernández del Riego canda outros dous académicos máis, Gómez Román e Ferro Couselo.

 

O acto contou tamén coas intervencións do presidente do Padroado da Fundación Rosalía de Castro e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. O cuarteto tradicional “Aire Xulia" interpretou a Alborada de Rosalía de Castro ao remate do acto.

 

 

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina