saltar ao contido

Santalices recorda que “o dereito constitúe o eixe vertebrador de calquera sociedade avanzada como a nosa"

12/12/2022



  • O presidente do Parlamento de Galicia participou en Santiago na presentación do libro “Ilustres Xuristas Galegos en Madrid", obra do presidente de IURISGAMA e catedrático de dereito mercantil Carlos Lema Devesa​

Santiago, 12 de decembro de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde, no Paraninfo da Universidade de Santiago, na presentación do libro “Ilustres Xuristas Galegos en Madrid", obra do presidente de IURISGAMA (Asociación de Xuristas Galegos en Madrid) e catedrático de dereito mercantil, Carlos Lema Devesa.

Santalices Vieira celebrou que a presentación tivera lugar nunha dependencia da Universidade de Santiago, na medida en que o libro “é tributario do maxisterio desta institución académica cinco veces centenaria". Tanto o autor da obra  como a maioría dos xuristas homenaxeados nas súas páxinas cursaron os seus estudos na universidade compostelá.

O presidente do Parlamento de Galicia gabou a traxectoria do autor do libro presentado esta tarde, tanto desde a Presidencia de IURISGAMA, como desde o exercicio da avogacía e o maxisterio na cátedra universitaria.

Explicou Santalices que para o Parlamento de Galicia “é unha honra, case una obriga", patrocinar a edición deste volume, por constituír un recoñecemento a boa parte dos mellores xuristas galegos contemporáneos  nas diferentes ramas do dereito.

Pero este libro supón, ao mesmo tempo, “unha merecida homenaxe, a través de algúns dos seus máis xenuínos representantes, ao mundo do dereito no seu conxunto, que ordena e facilita a convivencia".

O estado de dereito, unha das grandes conquistas contemporáneas

Para o titular do Lexislativo galego, “o dereito constitúe o eixe vertebrador de calquera sociedade avanzada como a nosa". Abundando nesta idea, Santalices subliñou o que “o estado de dereito é unha das grandes conquistas da sociedade contemporánea".

Apuntou que o conflito de Ucraína “é unha guerra da autocracia contra a democracia na que, máis aló dos territorios ocupados, están en xogo os valores do occidente libre e democrático do que formamos parte".

Saúdos, Gabinete de Comunicación.


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina