saltar ao contido

“Non podemos darnos por satisfeitos mentres haxa persoas con dificultades por mor da súa discapacidade"

02/12/2022

•​O Parlamento de Galicia acolleu un acto institucional conmemorativo polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra cada 3 de decembro

 

Santiago, 2 de decembro de 2022.- O Parlamento de Galicia albergou hoxe,  venres, da man do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) en Galicia, a celebración dun acto institucional conmemorativo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que ten lugar cada 3 de decembro.

 

O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu a representación de CERMI lembrando que “as portas do Parlamento de Galicia están permanentemente abertas para calquera persoa ou colectivo” e de maneira particular “para quen necesita atención especial por parte dos poderes públicos”.

 

Logros da democracia e da autonomía

 

Para Santalices, “a democracia e a autonomía trouxeron parellos outros avances nos que non sempre reparamos”, como o “recoñecemento dos dereitos das persoas con discapacidade” e a súa “paulatina integración nos diferentes ámbitos”.

 

Deste xeito, quixo recalcar Santalices Vieira que malia os avances conseguidos aínda “queda moito por facer”. “Non podemos darnos por satisfeitos mentres haxa persoas con dificultades por mor da súa discapacidade”, sentenciou.

 

Compromiso permanente das institucións públicas


O presidente do Parlamento pechou a súa intervención reivindicando o “compromiso permanente das institucións públicas coa discapacidade”, e alentou á sociedade civil a manterse “vixiante” para “evitar retrocesos neste ámbito”, mesmo para borrar “calquera rastro de estigma que puidera persistir”.


No acto dúas persoas representantes de CERMI Galicia deron lectura a un manifesto. Tamén tomaron a palabra o presidente de CERMI Galicia e maila conselleira de Política Social da Xunta.

 

Saúdos, Gabinete de Comunicación​.




Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina