saltar ao contido

Santalices: “o avance en igualdade está intimamente relacionado coa consolidación da democracia”

40 anos de autonomía 27/09/2021

 
• O presidente do Parlamento inaugurou unha xornada sobre igualdade que convoca na Cámara galega a tres das primeiras deputadas e a mulleres da empresa, a ciencia e o deporte
 
Santiago, 27 de setembro de 2021.-  O Parlamento de Galicia acolle esta mañá  a xornada “Catro décadas de autogoberno. A igualdade, un camiño sen retorno”, articulada en dúas mesas redondas nas que participan tres das primeiras deputadas da Cámara, así como mulleres da empresa, a ciencia e o deporte. A actividade foi inaugurada polo presidente do Parlamento e contará coa participación da conselleira a de Emprego e Igualdade na clausura.
 
Na súa intervención, Santalices Vieira subliñou que “o avance en materia de igualdade está intimamente relacionado coa implantación e consolidación da democracia”.
 
Conmemoración plural
 
Tanto esta xornada sobre igualdade, como outras actividades análogas organizadas nos últimos meses polo Parlamento enmárcanse na conmemoración dos 40 anos de autonomía de Galicia, “unha conmemoración plural e aberta a todas as sensibilidades”.
 
A xuízo do presidente do Parlamento, “estes 40 anos de vida democrática e autonomía política de Galicia constitúen -como sucede no resto de España, froito do pacto constitucional- a etapa de maior estabilidade, crecemento e benestar da nosa historia, malia as dificultades puntuais ás que en cada momento debamos enfrontarnos”.
 
Sinalou, como exemplo, que a xestión da pandemia da covid-19 pivotou maioritariamente sobre as comunidades autónomas. Para Santalices, “os feitos evidencian, moi especialmente no caso galego, que a descentralización derivada da Constitución de 1978 e consagrada no Estatuto de Autonomía de 1981 constitúe non só un camiño sen retorno,  senón un notable acerto do que podemos sentirnos orgullosos”.
 
Santalices constatou que, nas pasas décadas, a igualdade “mudou radicalmente, sempre a mellor, aínda que non o suficiente” mentres non se acade a igualdade plena.
 
Participantes
 
A xornada inaugurada polo presidente do Parlamento continuará cunha mesa redonda, moderada pola xornalista de RNE en Galicia Cruz Mato, titulada “As primeiras deputadas”. Contará coa participación de Mª del Carmen Lovelle Alén (AP), Rosa Gómez Limia (PSdeG-PSOE) e María Pilar García Negro (BNG).
 
De seguido, está programada a mesa redonda titulada “A igualdade normalizada. Unha ollada á sociedade”, moderada pola presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes. Participarán Adriana Domínguez, presidenta executiva do grupo Adolfo Domínguez; Carmen Lence Ferreiro, conselleira delegada de Leche Río; Lina Solla Sanmartín, presidenta do Consello regulador do mexillón en Galicia; María José Alonso Fernández, investigadora e catedrática de farmacia e tecnoloxía farmacéutica da USC; e Támara Echegoyen Domínguez, regatista e medallista olímpica.
 
A clausura da xornada contará coa participación da conselleira de Emprego e igualdade da Xunta, María Jesús Lorenzana.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina