• Chorimas para Celso Emilio Ferreiro. Un memorial: 1979-2019, é obra de Ramón Nicolás e foi editado coa patrocinio do Parlamento e da Xunta de Galicia
• Santalices define a Celso Emilio como “un dos grandes persoeiros das letras galegas de todos os tempos, á vez que se converteu nun alicerce indiscutible da conciencia cívica da Galicia contemporánea”
Santiago, 12 de marzo de 2021.- O Parlamento de Galicia acolleu este mediodía a presentación do libro Chorimas para Celso Emilio Ferreiro. Un memorial: 1979-2019, un volume, en opinión de Santalices, “tan atípico como necesario e interesante” para ampliar o coñecemento da figura do escritor celanovés.
O volume, coeditado polo Parlamento e pola Xunta de Galicia, é obra de Ramón Nicolás e afonda na figura de Celso Emilio, centrándose nas catro décadas transcorridas desde o seu falecemento; un traballo, en palabras do presidente do Lexislativo galego, “que nos aproxima ao ronsel póstumo de Celso Emilio Ferreiro”.
Para o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, Celso Emilio Ferreiro foi “un dos grandes persoeiros das letras galegas de todos os tempos, á vez que se converteu nun alicerce indiscutible da conciencia cívica da Galicia contemporánea”.
Recordou Santalices que “a inmensidade da figura de Celso Emilio Ferreiro ecoa sen cesar desde 1979, a través de homenaxes e publicacións de diferente natureza que teñen cabemento neste documentado e, ao mesmo tempo, ameno estudo que o Parlamento e a Consellería de Cultura da Xunta patrocinamos ao unísono, conscientes de que deste modo contribuímos a cubrir un baleiro que a iniciativa privada dificilmente podería asumir”.
Agregou que esta é precisamente a liña definitoria da política editorial do Parlamento, que “pon os seus modestos recursos ao servizo da divulgación da cultura e da historia de Galicia, ao tratar de apoiar proxectos de indubidable interese para a cidadanía, á que se lle ofrecen tanto en soporte papel como, de balde, en formato electrónico, a través da web da institución”.
A presentación da obra estaba prevista desde hai tempo, pero a situación epidemiolóxica obrigou a aprazar esta data.
Mollo de chorimas
O acto celebrouse no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia e contou tamén coa participación do autor da obra, Ramón Nicolás Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; e o fillo de Celso Emilio Ferreiro, Luis Ferreiro Loredo.
O salón estaba ambientado con chorimas -a flor do toxo, a preferida de Celso Emilio-, como as que a súa viúva. Moraima, depositou na sepultura do escritor.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.