saltar ao contido

Santalices reivindica o sector audiovisual como soporte para a promoción da cultura galega

Acto de entrega do XXXV Premio Celanova, Casa dos Poetas 08/09/2019

 
 
• Anima á xente nova a tomar conciencia da “riqueza que supón sermos unha comunidade bilingüe”
 
Santiago, 9 de setembro de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, reivindicou hoxe o crecente protagonismo do sector audiovisual na promoción da lingua e a cultura galega. Fíxoo este mediodía ao clausurar o acto de entrega do XXXV Premio Celanova, Casa dos Poetas, convocado pola Fundación Curros Enríquez e concedido nesta edición á actriz e presentadora Isabel Blanco.
 
Santalices felicitou á galardoada con este premio pola súa “traxectoria artística admirable, que ten aínda diante súa anos apaixonantes nos que terá ocasión de multiplicar o apoio co que o  público galego e non galego responde a cada un dos seus traballos”.
 
Destacou o presidente do Parlamento que Isabel Blanco é unha  “artista polifacética curtida no cine e na televisión, muller cosmopolita e cunha sólida formación académica”, que “exerce e se amosa orgullosa da súa condición de galega, dentro e fóra da nosa xeografía”.
 
Considerou, por iso, que esta “galega de ben” é tamén un “modelo para as xeracións máis novas, que deberían ser conscientes da riqueza que supón o feito de sermos unha comunidade bilingüe; que podemos falar galego e castelán, porque nos abre portas, e tamén aprender outras linguas, cantas máis mellor”.
 
Santalices Vieira felicitouse de que na programación do acto de entrega deste galardón se incluíse unha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, unha semana despois do seu 40 cabodano, e adiantou que o Parlamento de Galicia editará proximamente un volume dedicado a este autor.
 
Recordou tamén que o Parlamento de Galicia recibiu, na edición de 2018, o Premio Celanova, Casa dos Poetas.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina