saltar ao contido

Santalices agradece a contribución do profesor González Juanatey ao avance da sanidade pública

premio 20/06/2019

• O titular do Parlamento de Galicia preside o acto de entrega do Premio Nóvoa Santos 2019 outorgado por ASOMEGA ao xefe de Cardioloxía do CHUS e catedrático da USC

Santiago, 20 de xuño de 2019.- O titular do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presidiu esta tarde en Ourense o acto de entrega da XXI Edición do Premio Nóvoa Santos, outorgado pola Asociación de Médicos  Galegos (ASOMEGA) ao  Dr. José Ramón González Juanatey, xefe de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e catedrático de Medicina do CHUS.
 
Na súa intervención, Santalices Vieira, recordou que esta edición do Premio Nóvoa Santos recoñece a extensa e traxectoria profesional –docente, investigadora e asistencial- do Dr. González Juanatey ao Servizo da Cardioloxía, ao tempo que agradeceu que este traballo intenso teña estado sempre vinculado ao sector público.
 
Destacou que unha das preocupacións do Dr. González Juanatey pasa por mellorar a atención cardiolóxica na Comunidade Autónoma e que grazas ao seu traballo, o Servizo de Cardioloxía do CHUS se converteu nun referente de ámbito estatal.
 
O presidente do Parlamento, compañeiro de promoción do galardoado, apuntou que o Dr. González Juanatey foi sempre un alumno brillante que, co paso do tempo, se converteu nun dos profesores mellor valorados polo alumnado de Medicina da USC, e que  se esforza cada día por situar a esta Facultade compostelá entre as máis prestixiosas de España.
 
O acto de entrega do XXI Premio Nóvoa Santos celebrouse no salón de actos do Grupo Coren. Santalices foi precedido no uso da palabra polo conselleiro de Sanidade da Xunta, Jesús Vázquez Almuíña; e polo presidente de ASOMEGA, Julio Ancoechea Bermúdez. O saúdo inicial correu a cargo do presidente de Coren, Manuel Gómez Franqueira; ao que seguiu  a laudatio do galardoado, pronunciada polo profesor Xosé Luis Labandeira García, catedrático de Anatomía Humana da USC. O profesor González Juanatey pronunciou unha conferencia sobre “Saúde cardiovascular e dieta”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina