• Participou na presentación da reedición de Estirpe, un libro-homenaxe a Méndez Ferrín, impulsado polo Concello de Redondela
Santiago, 13 de xuño de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde na presentación dunha reedición de Estirpe, un libro-homenaxe a Méndez Ferrín impulsado polo concello de Redondela.
Santalices Vieira aplaudiu esta iniciativa editorial na medida en que “pon a disposición do público un título esgotado nas librerías hai moito tempo, un poemario de culto para moitas e moitos letraferidos, e non só galegos”. Ao tempo, a reedición homenaxea ao autor do libro, Xosé Luís Méndez Ferrín, “unha das voces literarias máis sólidas e respectadas da literatura galega contemporánea. Un autor polifacético que ten cultivado todos os xéneros literarios, e sempre co rigor e o compromiso que o caracterizan”.
A reedición de Estirpe é unha “feliz iniciativa” do Concello de Redondela, “unha decisión novidosa e loable que –agregou Santalices- fariamos ben en copiar desde outros ámbitos porque hai moitos títulos e moitos autores ben merecentes de iniciativas editoriais similares, títulos esgotados anos atrás, practicamente imposibles de atopar no mercado de segunda man e que, seguramente, terán unha magnifica acollida entre o público dos nosos días”.