saltar ao contido

Santalices considera ao arquitecto Vázquez-Gulías “exemplo de capacidade de apertura ao mundo e ás diferentes correntes intelectuais”

Presentación 28/09/2017

• O presidente do Parlamento participou na Casa de Galicia en Madrid na presentación do Centro Cultural Daniel Vázquez-Gulías, que xurde para poñer en valor o legado do arquitecto e urbanista ourensán de principios do século XX
 
Santiago, 28 de outubro de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde na Casa de Galicia-Delegación da Xunta en Madrid, nunha mesa redonda sobre o arquitecto e urbanista ourensán Daniel Vázquez-Gulías Martínez (1869-1937), acto no que tamén se presentou o centro cultural orientado a poñer en valor o legado do introdutor do modernismo en Ourense.
 
A xuízo de Santalices, Vázquez-Gulías foi exemplo de “capacidade de apertura ao mundo e ás diferentes correntes intelectuais, científicas e creativas do seu tempo”, como acreditou este arquitecto galego ampliando estudos en Viena e Berlín logo de obter o título en Madrid en 1897.
 
Renovador
 
Na súa intervención, ao inicio da mesa redonda, o presidente do Parlamento de Galicia considerou que “Vázquez-Gulías foi para a arquitectura en Galicia o que os integrantes da Xeración Nós siignificaron para a renovación da cultura galega  a través da súa capacidade de apertura ás novas correntes que se fraguaban en Europa sen renunciar, por elo, á nosa propia identidade”.

Adiantado ao seu tempo
 
Do traballo de Vázquez-Gulías, o presidente da Cámara galega  destacou os balnearios que proxectou, desde o do Carballiño ata o proxecto inicial do Gran Balneario da Toxa. “Demostrou ser un visionario, un adelantado ao seu tempo, nos balnearios que proxectou”, afirmou Santalices, que recordou os beneficios do termalismo para a saúde.
 
O presidente da Cámara galega considerou que, “pola súa visión humanista da arquitectura, a obra de Vázquez-Gulías está chamada a perdurar no tempo e na memoria de todos”.
 
Explicou Santalices Vieira que do mesmo xeito que o Parlamento “está firmemente comprometido coa arte e coa cultura Galicia nas súas diferentes manifestacións, tamén é a nosa obriga recoñecer e alentar traballos como o que o Centro Cultural Vázquez-Gulías está acometendo en beneficio da arquitectura e do coñecemento humanista do que todos somos debedores”.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina