saltar ao contido

Santalices reclama un “compromiso unánime” da sociedade para preservar o “ecosistema privilexiado” que comparten Galicia e Asturias

Xornada 14/06/2017

• O presidente do Parlamento de Galicia participa en Castropol na xornada de convivencia organizada no marco do IX Foro Comunicación e Escola coa participación de alumnado asturiano e galego
 
• Valora esta iniciativa de intercambio e coñecemento mutuo, que vai máis aló da formación reglada e constitúe un exemplo a seguir

Santiago, 14 de xuño de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, participou hoxe en Castropol, canda o seu homólogo do Principado, Pedro Sanjurjo, na xornada de convivencia organizada no marco do IX Foro Comunicación e Escola, que nesta edición desenvolve un proxecto centrado na Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, como punto de encontro entre Galicia e Asturias.

Santalices gabou esta iniciativa de intercambio, que contribúe a “intensificar a relación de familia” entre Galicia e Asturias, na medida en que promove o intercambio e o coñecemento mutuo, vai máis aló da formación reglada e constitúe un exemplo a seguir, mesmo por outras comunidades.

Da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, o presidente do Parlamento de Galicia subliñou que “alberga auténticos santuarios naturais”. Santalices agregou que “Asturias e Galicia comparten o privilexio de contar cun medio natural único, pola súa beleza, pola súa diversidade e polo seu, en xeral, excelente estado de conservación”.

Compromiso necesario

Preservar este “equilibro complexo” fronte a agresións externas como as que provocan o cambio climático, require, ao seu xuízo, do “compromiso unánime da sociedade”: o das institucións, asumindo compromisos, e o das persoas a título individual, mudando hábitos de vida  e de consumo para facelos compatibles coa saúde do planeta.

“Vivimos nun ecosistema privilexiado, pero tamén fráxil, que require do esforzo de todos”, insistiu o titular da Cámara galega.

Previamente, en declaracións aos medios de comunicación, Santalices amosou a súa satisfacción por participar neste encontro e reiterou a importancia de implicar á xuventude na educación en valores. Sinalou que a biosfera non só implica a preservación do medio ambiente, senón que tamén comporta a eliminación da pobreza, crear hábitos saudables e unha axeitada preparación para os cambios que se aveciñan, entre outros retos.

Organizado polo  IES Elisa y Luis Villamil, de Vegadeo (Asturias), neste proxecto sobre a Reserva da Biosfera do IX Foro Comunicación y Escuela participa tamén alumnado galego do IES Enrique Muruais (A Pontenova), e do IES Fontem Albei (A Fonsagrada). No encontro de hoxe estiveron presentes, ademais, os alcaldes dos 14 concellos integrados nesta Reserva da Biosfera, o delegado da Xunta en Lugo e o director xeral de Administración Local do Principado de Asturias, entre outras autoridades.

No marco deste proxecto, alumnado e alcaldes asturianos visitaron recentemente a sede do Parlamento de Galicia, onde foron recibidos polo presidente da Cámara, mentres que alumnado e alcaldes galegos desta Reserva da Biosfera tiveron ocasión de coñecer a Xunta Xeral do Principado de Asturias, entre outras actividades.

Rematado o acto, Santalices entregou cadanseu lote de libros editados polo Parlamento de Galicia para as bibliotecas dos centros educativos participantes nesta actividade.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina