. O Parlamento de Galicia entregou esta tarde as súas Medallas á “Comisión dos 16” que elaborou o primeiro anteproxecto de Estatuto de Autonomía e plasmou nun documento “as ansias de autonomía que durante décadas foran só un sono”
. O presidente da Cámara homenaxea a todos os que fixeron posible a Galicia actual, “dona do seu destino, que se sitúa “entre os territorios con maior autonomía de Europa e que convive en harmonía cos restantes pobos de España, cultiva a súa vocación europea e promove os vínculos fraternos cos
territorios de alén mar”
. Santalices recorda a deputadas e deputados que “a cidadanía nos elixe para revolver problemas, xamais para crealos” e anímaos a tomar exemplo da “Comisión dos 16”
Santiago 6 de abril de 2017.- O Parlamento de Galicia acolleu esta tarde a cerimonia de entrega das súas Medallas aos integrantes da denominada “Comisión dos 16”, autores do primeiro anteproxecto de Estatuto de Autonomía, respondendo a unha convocatoria do presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón, nos primeiros meses de 1979.
O acto, que se celebrou coincidindo co 36 aniversario da promulgación do vixente Estatuto, foi clausurado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e contou coa asistencia de numerosas autoridades, familiares dos homenaxeados e unha nutrida representación da sociedade galega.
O presidente do Parlamento apuntou que con este galardón se distingue ás 16 persoas oficialmente convocadas por Rosón. Apuntou, sen embargo, que as Medallas deben entenderse “nun sentido amplo, tal e como se desenvolveron aquelas xuntanzas, nas que aos 16 convocados polo presidente Rosón se sumaron, alomenos puntualmente, outras tantas persoas, que contribuíron á boa marcha dos traballos co seu esforzo, os seus coñecementos e os seus anhelos dunha Galicia mellor”. Santalices agradeceu tamén o papel destacado que xogaron naqueles traballos dous conselleiros da Xunta preautonómica, Xosé Rivas Fontán e Marino Dónega Rozas, e o funcionario Anxo Teixeiro, que arestora traballa, “con igual dedicación”, na Cámara galega.
Ansias de autonomía
“A Galicia actual –dixo o presidente do Parlamento referíndose á Comisión dos 16- foi quen de acadar o elevado autogoberno que xestiona grazas, en boa parte, a aqueles galegos que se esforzaron por plasmar nun documento as ansias de autonomía que durante décadas foran só un sono”.
Santalices Vieira recordou “os esforzos de Castelao e de tantos outros patriotas que loitaron polo Estatuto do 36”, esforzos que “non resultaron baldíos malia que aquel texto nunca chegara a entrar en vigor”. Recordou tamén a persoas como Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, Xaime Quintanilla, Rajoy Leloup, González López ou Fernández Ossorio-Tafall, que tiveron un papel destacado no primeiro proceso estatutario.
Memoria do pasado
“Como presidente do Parlamento de Galicia, quero facer memoria de todos os homes e mulleres aos que debemos boa parte do que temos e do que somos como nacionalidade histórica”. Referiuse, neste sentido, aos aos deputados galegos da República que, como Castelao, Otero Pedrayo e outros, “defenderon a identidade de Galicia alí onde tiveron oportunidade de facelo, case sempre en situación adversas”.
Reivindicou o labor do Consello de Galicia “que, desde o exilio en América, alentou as arelas de democracia e autonomía”. Parte das actas do Consello foron doadas tempo atrás ao Parlamento de Galicia, “onde as custodiamos, orgullosos e sabedores do elevado simbolismo destes documentos”. “Honramos tamén –dixo Santalicesao `galeguismo do interior´, o `piñeirismo´ que nos anos escuros se esforzou na procura dun obxectivo similar desde a Galicia territorial a partir dunha visión realista da situación”. Tivo tamén palabras recoñecemento para os artífices dos Pactos do Hostal, por conseguiren reconducir con éxito os intentos de recurtar o Estatuto.
Unha Galicia dona do seu destino
Ao seu xuízo, “uns e outros traballaron, loitaron por moldear unha Galicia dona do seu destino, que hoxe se sitúa entre os territorios con maior autonomía de Europa, que convive en harmonía cos restantes pobos de España, cultiva a súa vocación europea e promove os vínculos fraternos cos territorios de alén mar”.
Insistiu en que coas Medallas que hoxe se entregaron, “recoñecemos o labor de outro grupo de patriotas, a Comisión dos 16, herdeiros e leais continuadores da vocación autonomista nunca interrompida, pero si intensamente maltratada”.
Santalices Vieira fixo fincapé nas diferenzas entre o momento político actual e a época na que traballou a “Comisión dos 16”. “Hoxe é maior a polarización e máis escaso o respecto ao contrincante”, dixo.
Ao seu xuízo, “o exemplo de cada un dos 16 homenaxeados, sen agardar nada a cambio máis que a satisfacción consigo mesmo e a fidelidade aos seus principios, debería inspirarnos, primeiro como persoas e como galegos; e, en segundo lugar, como lexisladores, obrigándonos a poñer en valor o Estatuto e tentar e espremer todo o seu potencial”.
“Teñamos claro –sinalou dirixíndose ás deputadas e deputados desta Cámara- que a cidadanía nos elixe para revolver problemas, xamais para crealos”.
Animou tamén a tirar exemplo dos hoxe homenaxeados no Parlamento. “A permanente búsqueda do consenso e o traballo calado da Comisión dos 16 e os seus substitutos e colaboradores, debería ser permanente fonte de inspiración para calquera que aspire a servir a Galicia”.
O acto contou coa actuación musical do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, o pianista Alberto Vilas e a cantante Uxía Senlle, unha presenza coa que, en palabras de Santalices, “queremos visualizar que o Parlamento é, tamén, a casa de todos os nosos creadores e creadoras, ao tempo que reivindicou o “momento de intensa creatividade” que protagonizan a expresión artística e intelectual da Galicia actual.
Integrantes da “Comisión dos 16”
1- D. Luis Cordeiro Rodríguez, por UCD de Lugo (*)
2- D. Víctor Vázquez Portomeñe, por UCD de Lugo
3- Dna. Lutgarda García Boente, por UCD de A Coruña
4- D. Pablo González Mariñas, por UCD de A Coruña
5- D. Manuel Reimóndez Portela, por UCD de Pontevedra (*)
6- D. Pablo Padín Sánchez, por UCD de Pontevedra
7- D. Ramón Álvarez Cid, por UCD de Ourense
8- D. Juan Manuel Álvarez Ramos, por UCD de Ourense (*)
9- D. Francisco Puy Muñoz, por AP
10- D. Manuel Vázquez Río, por AP (*)
11- D. Indalecio Tizón Covelo, polo PSdeG-PSOE (*)
12- D. José Vázquez Fouz, polo PSdeG-PSOE
13- D. Anxo Guerreiro Carreira, polo PCG (*)
14- D. Luis Sobrado Fernández, polo PG
15- D. Camilo Nogueira Román, polo POG
16- D. Fernando Solla Fernández, polo PTG
(*) Reciben a Medalla do Parlamento a título póstumo.