Presentación 23/03/2017
. O presidente do Parlamento de Galicia participou na
presentación do libro “25 anos dando vida aos anos”, que fai un percorrido pola historia desda entidade.
. Subliña que Benigno Moure “foi sempre un adiantado ao seu tempo”
Santiago, 23 de marzo de 2017.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía no acto de presentación do libro “25 anos dando vida aos anos”, editado pola Fundación San Rosendo para recomplicar o seu cuarto de século de existencia. “Como ourensán e como galego é unha honra que o modelo desenvolvido pola Fundación San Rosendo se teña convertido nun referente nacional e internacional no referido á atención ás persoas maiores”, afirmou Santalices.
A xuízo do titular do Lexislativo galego, aínda que este libro se centra no tempo transcorrido desde a posta en marcha da Fundación, para entender a filosofía da mesma é preciso voltar a vista atrás, ao comezo da década dos 70, cando o seu fundador e presidente de honra iniciou o seu labor en Ourense.
Adiantado ao seu tempo
“Don Benigno –afirmou Santalices Vieira- foi sempre un adiantado ao seu tempo, e así o acreditan moitas das iniciativas que impulsou, pioneiras no seu contexto”, como as garderías infantís, nun momento no que aínda era escasa a incorporación da muller ao mercado laboral, ou a posta en marcha de residencias da terceira idade “desde unha visión integradora, orientada a evitar o desarraigo da persoa”.
No acto, celebrado no Hotel Balneario Arnoia Caldaria e co que se pecha a programación oficial conmemorativa do 25 aniversario da Fundación San Riosendo, o presidente do Parlamento recordou tamén que Benigno Moure impulsou iniciativas de atención e formación para colectivos marxinados, a promoción de vivendas sociais, a asistencia enfermos e de VIH, a atención ás adiccións ou, máis recentemente, a posta en valor do potencial termal da provincia de Ourense.
Nun momento no que o declive demográfico constitúe “una ameaza en toda regra”, Santalices Vieira sinalou que este feito, “reporta tamén algunhas oportunidades, como as derivadas da atención ao colectivo das persoas maiores”.
Para Santalices, “na Fundación San Rosendo temos, sen dúbida, un magnífico exemplo do camiño a seguir, e así o poñen de manifesto os seus 70 centros e un cadro de persoal integrado por máis de 1600 traballadores e traballadoras”.