saltar ao contido

O Parlamento habilita un Portal de Transparencia

Transparencia 08/03/2016

• Agrupa nun único portal toda a información derivada da normativa autonómica e estatal en materia de transparencia

• Os contidos están agrupados en tres grandes bloques temáticos: Información institucional, organizativa e de planificación; información de relevancia xurídica; e información económica, orzamentaria e estatística

• “Para o Parlamento de Galicia, a transparencia non só é unha obriga, senón un dos seus sinais de identidade”, apunta Miguel Ángel Santalices Vieira

Santiago, 8 de marzo de 2016.- O Parlamento de Galicia puxo en funcionamento o seu Portal de Transparencia no que agrupa toda a información derivada da normativa estatal e autonómica nesta  materia. O portal púxose en servizo logo da entrada en vigor da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
 
Os contidos deste Portal de Transparencia están agrupados en tres grandes áreas temáticas: Información institucional, organizativa e de planificación; Información de relevancia xurídica; e Información económica, orzamentaria e estatística, cun elevado grao de minuciosidade. Neste último apartado poden consultarse, por exemplo, a composición das mesas de contratación, estatísticas sobre cada un dos procedementos de adxudicación, as asignacións orzamentarias aos grupos parlamentarios, retribucións, un inventario de bens e dereitos, a relación de automóbiles e mesmo un rexistro de agasallos.
 
Acceso máis doado
 
Trátase, segundo apunta o presidente do Parlamento na presentación deste portal, dun extenso elenco de datos, información de dominio público que na maior parte dos casos xa estaba publicada, pero dun xeito disperso. Agora, a información ofrécese de xeito sistematizado, o que facilita un acceso máis doado ás persoas interesadas.
 
“A política e as institucións debemos facer da transparencia un dos eixes do noso traballo cotián, utilizando as oportunidades das TIC. E para o Parlamento de Galicia, a transparencia non só é unha obriga, senón un dos seus sinais de identidade”, apunta Miguel Ángel Santalices Vieira.
 
Ademais da información publicada, o Portal de Transparencia tamén inclúe un modelo de solicitude para que os cidadáns interesados podan exercer o seu dereito de acceso á  información pública ante o Parlamento de Galicia.
 

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina