Santiago, 22 de febreiro de 2016.- O presidente da Federación galega de Bancos de Alimentos, José Pita, e mailos presidentes dos catro bancos galegos provinciais agradeceron ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, a colaboración que a Cámara lexislativa brinda a estas organizacións.
O responsable da Federación Galega de Bancos de Alimentos e mailos catro presidentes provinciais visitaron esta tarde o Parlamento de Galicia, onde mantiveron un encontro co titular da Cámara. Tamén participaron na visita voluntarios destas organizacións.
Nun encontro cos voluntarios que participaron na visita, Santalices Vieira agradeceulles a súa implicación neste “labor encomiable que recoñece toda a sociedade”, afirmou.
Desde o comezo da pasada lexislatura, no ano 2009, o Parlamento de Galicia destina a entidades sociais a partida que ata entón dedicaba a agasallos e demais atencións protocolarias polo Nadal.