Santiago, 3 de marzo de 2016.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, recibiu este mediodía ás persoas que resultaron selecionadas na última convocatoria de bolsas para a formación práctica de titulados universitarios na Cámara galega. Santalices Vieira deulles a noraboa por ter resultado seleccionados e animounos a aproveitar esta experiencia formativa.
Este novo grupo comezou onte a súa estadía na Cámara, que se prolongará durante os vindeiros 12 meses. Tres das persoas titulares destas bolsas de formación práctica desenvolverán tarefas de arquivo, biblioteca e documentación, dúas en publicacións, unha en comunicación institucional e outra en xestión parlamentaria.
Esta é a sexta convocatoria de bolsas do Parlamento de Galicia para a formación práctica de persoas en posesión dun título de grao ou licenciatura universitaria.
As bolsas para a formación práctica de universitarios na Cámara galega enmárcanse nun protocolo asinado entre o Parlamento de Galicia e as tres universidades galegas en maio de 2010.
A actividade formativa que os bolseiros desenvolven na Cámara galega está tutelada polos responsables e demais persoal técnico das unidades do Parlamento de Galicia ás que son asignadas as persoas seleccionadas en cada convocatoria.