27/10/2024
Santiago, 27 de outubro de 2024.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, relacionou hoxe, na clausura do Salón do Turismo Gastronómico, a lonxevidade da poboación galega cos hábitos saudables na súa alimentación.
“Somos unha comunidade agraria, gandeira e pesqueira, o que nos permite ter á man unha variada oferta de produtos frescos e de temporada", dixo, para apuntar aos hábitos alimenticios e á actividade física como a “receita milagrosa" que lle permite á nosa comunidade despuntar polo número de centenarios.
Na súa intervención, o xefe do Lexislativo autonómico, lembrou que estas características permiten que Galicia estea a piques de entrar a formar parte do club das Zonas Azuis, como un dos territorios que conforman os mellores estándares de calidade de vida.